A Xunta detecta un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres no concello de Moaña
Trátase dun exemplar de gaivota patiamarela que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade
En Galicia non hai ningún caso en aves de curral e seguen en vigor, ao igual que en toda España, as medidas preventivas adoptadas polo Ministerio de Agricultura
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026
A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), localizado no concello pontevedrés de Moaña. Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis) que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
A ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor. Con este novo foco, son cinco os notificados na nosa comunidade no ano 2026. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia, polo que desde a Consellería do Medio Rural lánzase unha mensaxe de tranquilidade e de precaución.
Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 156 (dos que oito correspóndense aos notificados desde o 1 de xaneiro de 2026), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte un rexistro considerable no número de focos nos últimos meses.
Medidas preventivas en toda España
Esta situación epidemiolóxica é a principal razón, xunto coa migración estacional das aves silvestres e o descenso das temperaturas nesta época do ano, que motivou a adopción das medidas preventivas por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aplicables en todo o territorio español desde o pasado 13 de novembro, co obxectivo de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie. Estas medidas permanecen actualmente vixentes.
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese realizar a través do teléfono de atención á cidadanía 012.
Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un limitado carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.