O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura do IV encontro ‘Investir en ciencia si é rendible’

Román Rodríguez anima ao sector privado a investir en ciencia para reforzar a I+G+I

A Xunta impulsa, a través do Plan galego de I+D+i, ferramentas para consolidar o papel de Galicia como polo de atracción de investimento científico e tecnolóxico

Este encontro, que reúne a uns 200 participantes, amosa políticas e iniciativas para reforzar a ciencia e a innovación

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na clausura do IV encontro Investir en ciencia si é rendible, organizado por Unirisco e Xesgalicia. Unha xornada que permite a persoal investigador, empresas e investidores ”intercambiar experiencias e debater visións sobre os desafíos de futuro da nosa I+G+i”, sinalou o representante da Xunta, quen remarcou que investir en ciencia “non só é rendible, senón que é imprescindible para lograr unha Galicia innovadora, competitiva e sostible”.

Neste sentido, o conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta nesta materia e destacou o potencial da nosa Comunidade como polo emerxente de innovación e de atracción de investimentos por contar cun ecosistema cohesionado, ferramentas claras e unha planificación que dá confianza ao sector. “Mostra disto é que segundo as últimas estatísticas do INE, o investimento en I+D volveu a crecer en Galicia ata alcanzar a cifra récord de 1.058 M€”, engadiu Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Galicia conta cun ecosistema “estruturado, completo e ambicioso”, afirmou o titular de Ciencia, quen fixo fincapé nos instrumentos que pon o Goberno autonómico á disposición dos axentes da I+D+i para reforzar a súa actividade. Por iso, animou ao sector privado a apostar pola ciencia. Destacan o Mapa de apoios á I+G+i 2026 e o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 como ferramentas que contribúen a dar estabilidade e visión de futuro. En concreto, o Mapa para 2026 inclúe 35 liñas de axuda de distintos departamentos dotadas con 261 M€ de orzamento.

Entre as liñas de axuda máis consolidadas e con maior éxito, o conselleiro Román Rodríguez mencionou programas como Oportunius, que contribúe a atraer e consolidar talento investigador de excelencia na nosa Comunidade, ou Ignicia, que apoia a chegada dos resultados da investigación ao mercado, transformando a ciencia en innovación real.

Un encontro con 200 participantes

Este encontro, que chega a súa cuarta edición consolidándose como un espazo de referencia para promover políticas e iniciativas que impulsen a I+D+i, contou con mesas redondas, presentacións de casos de éxitos e espazos de diálogo sobre oportunidades de investimento en ciencia e innovación. A cita de hoxe acudiron unhas 200 persoas entre inversores, representantes das oficinas de transparencia das universidades, de startups, de centros tecnolóxicos, investigadores e empresas, entre outros.

Esta xornada rematou coa entrega dos Premios Investir en ciencia si é rendible, que destacan e recoñecen á organizacións e startups que demostraron un impacto significativo no ámbito da ciencia e a tecnoloxía. Deste xeito, o galardón Ecosistema foi para a directora de innovación de Biocat, Nuria Martí; o premio Empresa recaeu no CEO de Centum, Héctor Estévez, e os galardóns Honorífico foron para o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e para o socio de Ysios Capital Raúl Martín-Ruíz a título póstumo e que recolleu Eva Méndez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026