A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deu a coñecer hoxe a actuación
A Xunta habilitará unha nova senda de case 3km na estrada PO-313 ao seu paso por Broullón, en Moaña, que suporá un investimento de 3M€
O novo itinerario peonil desenvolverase nun treito de preto de tres quilómetros, entre o núcleo de Broullón ata a intersección coa estrada provincial EP-1104
Tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, o proxecto estará a exposición pública ata finais do vindeiro mes de marzo, para a presentación de suxestións
Allegue destaca a aposta da Xunta pola mobilidade sostible coa creación destas sendas cómodas e seguras para os desprazamentos da veciñanza
Moaña (Pontevedra), 13 de febreiro de 2026
A Xunta habilitará unha nova senda de case 3 quilómetros na estrada autonómica PO-313 ao seu paso por Broullón, en Moaña, que suporá un investimento de 3M€, cofinanciado con fondos FEDER. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deu a coñecer hoxe a actuación, que se enmarca na segunda fase do Plan de Sendas da Xunta.
Hoxe mesmo, o Diario Oficial de Galicia publica o anuncio da información pública deste proxecto, que poderá consultarse para suxestións ata o 31 de marzo.
Allegue subliñou que o proxecto é “máis ambicioso e mellorado con respecto ao proposta inicial” e destacou que esta senda “continua e homoxénea” permitirá á veciñanza e visitantes realizar un tránsito mais cómodo e seguro no seu percorrido por este municipio da comarca do Morrazo.
A conselleira subliñou a aposta da Xunta pola mobilidade sostible coa creación destes itinerarios seguros e integrados na paisaxe que permiten desprazamentos seguros e saudables, e recordou que en Moaña a Xunta executou outra senda na PO-551 entre A Moureira e Palmás.
Máis en detalle, a actuación que se realizará na PO-313 consistirá nun itinerario peonil continuo na marxe dereita da estrada (entre os puntos quilométricos 11+600 e 15+260) desde o núcleo de Broullón e ata a intersección coa estrada EP-1104, que permitirá un tránsito mais cómodo e seguro nesta contorna do municipio moañés. Entre os puntos quilométricos 14+180 e 14+630 existe na actualidade un treito de beirarrúa, que se acondicionará para que todo o treito sexa homoxéneo. O ancho do itinerario destinado ao tránsito será de 2,50 metros.
Ademais, procederase a renovación de tres refuxios de autobús xa existentes, localizados nos puntos quilométrico 11+960, 12+250 e 13+980.
A actuación enmarcase na segunda fase do Plan de Sendas de Galicia e contará con cofinanciamento europeo a través do programa operativo FEDER 21/27. O prazo de execución das obras será de 12 meses.
Coa primeira fase do Plan, a Xunta puxo xa en servizo preto de 300 quilómetros de novos itinerarios peonís e foi distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria. Cómpre lembrar que no caso da comarca do Morrazo, a Xunta habilitou 8 sendas seguras ao longo de 9km de estradas, cun investimento de 5,6M€.