Medio Rural beneficia a preto de 300 entidades que levarán a cabo actuacións de prevención fronte a incendios forestais nos montes
Estas axudas, dotadas cun orzamento de 5,4M€, buscan mitigar as consecuencias e impactos negativos que os lumes poidan ter sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes
As accións subvencionadas céntranse no control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista
Os beneficiarios teñen como prazo ata o 30 de xuño deste ano para rematar e xustificar os traballos
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para a prevención de danos por incendios e desastres naturais, que ascenden ata os preto de 5,4 millóns de euros para 283 entidades beneficiarias, principalmente comunidades de montes veciñais en man común.
Estas achegas buscan mitigar as consecuencias e impactos negativos que os incendios forestais poidan ter sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes. As accións subvencionadas céntranse no control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista. Estas intervencións buscan reducir a carga de combustible presente no monte e establecer zonas con descontinuidade horizontal e vertical, co fin de diminuír o risco de propagación de incendios forestais e minimizar os danos causados por estes sinistros, no caso de que cheguen a producirse.
Cabe sinalar que ante o elevado volume de peticións presentadas, a Consellería do Medio Rural decidiu incrementar o orzamento desta orde en 2025 e, a causa dos incendios forestais do verán, estableceu como prazo único para remate e xustificación dos traballos o 30 de xuño de 2026.
Importes das axudas
Concedéronse achegas para áreas devasa en monte desarborado para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea. Para montes en rexeneración, son máis de 1.650 euros por hectárea para o rareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos.
As axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar.
Ligazón á resolución DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260216/AnuncioG0426-020226-0004_gl.html