Medio Rural enxalza a calidade dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións da queixería Prestes, en Vilalba, que foi premiada cun ouro na Cata dos Queixos de 2025
A Consellería do Medio Rural aposta pola promoción a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, dotado este ano con 10 millóns de euros, para potenciar as actividades que dean a coñecer os produtos amparados por estes selos
Vilalba (Lugo), 17 de febreiro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións da queixería Prestes, en Vilalba, onde enxalzou a calidade dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa.
Neste sentido, lembrou que o queixo elaborado por Prestes foi o gañador do ouro na categoría da DOP San Simón da Costa na XXVIII Cata dos Queixos de 2025, organizada pola Consellería do Medio Rural. A maiores, cómpre salientar que esta denominación de orixe é unha das catro recoñecidas en Galicia na elaboración deste produto e, segundo os últimos datos dispoñibles, conta con nove queixerías que acadaron unha produción certificada de máis de 560.000 quilos e un valor económico estimado superior aos 5 millóns de euros.
Desde a Consellería apóstase pola promoción dos produtos amparados por selos de calidade. Este ano increméntase o orzamento destinado ao Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia ata os 10 millóns de euros para este 2026, co obxectivo de seguir potenciando as actividades promocionais deste tipo de produtos