O Colexio Plurilingüe de Tenorio recupera mañá a actividade lectiva ao rematar a Xunta os traballos de reparación e limpeza tras o incendio

Tamén comezará a prestarse mañá o servizo provisional de comedor, tanto neste centro como no Instituto de Cotobade

O conselleiro de Educación agradece o traballo desenvolvido polo Concello, o centro, os técnicos da Consellería e as empresas nestes días para que todo estea listo

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

O Colexio Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) recuperará mañá a actividade lectiva ordinaria unha vez a Xunta rematou xa os traballos de reparación e limpeza realizados tras o incendio ocorrido na tarde do pasado mércores e que afectou, principalmente, ao almacén anexo a comedor. Neste sentido, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, agradece ao Concello, ao centro, aos técnicos da Consellería e ás empresas o traballo destes días para que todo estea listo.

Desde o primeiro momento, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o Concello de Cerdedo-Cotobade estiveron coordinados para afrontar o suceso. Dado que o lume afectou á instalación eléctrica, traballouse de inmediato na súa revisión e reparación para recuperar canto antes a luz no centro.

A maiores, e dado que o fume ensuciou o conxunto do centro, contratouse unha empresa especializada neste tipo de traballo de limpeza, que pode certificar ao seu remate que non existe ningún tipo de risco contaminación.

Dado que a área de comedor precisará máis reparacións, aínda por determinar, o departamento educativo do Goberno Galego contratou tamén un servizo de catering tanto para o CEIP de Tenorio como para o IES de Cotobade (cuxos alumnos comen neste colexio), que comezará a traballar mañá.

Polo tanto, o colexio está preparado para a volta á aulas tras as vacacións de Entroido, tal e como explicou o director territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez, que visitou o centro para supervisar o avance dos traballos de recuperación. Mañá, volverase desprazar ao centro para reunirse co alcalde, Jorge Cubela, co equipo directivo do colexio, coa Unidade Técnica e con representantes das empresas de limpeza e reparación para facer balance dos traballos xa acometidos, e valorar os seguintes pasos para reparar a área de comedor e cociña.

Cómpre sinalar que, segundo a hipótese inicial da Garda Civil, o lume iniciouse na batería eléctrica dunha máquina cortacéspede gardada no almacén contiguo ao comedor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026