O Consello Agrario aproba o documento de consenso entre Xunta e sector a prol dunha futura PAC forte, con fondos diferenciados e cun enfoque máis rexional
A conselleira do Medio Rural, que presidiu a reunión do órgano colexiado, sinalou que “Galicia precisa dunha PAC ben dotada e por iso imos seguir traballando na defensa dos nosos sectores produtivos”
O texto acordado sobre a Política Agraria Común a partir de 2028 será remitido agora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, trasladarase á UE e servirá de base para establecer unha fronte común da cornixa cantábrica
Demándase un cambio na proposta comunitaria, para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares tradicionais da PAC, que actualmente blindan as axudas directas e os programas de desenvolvemento rural
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, precisamente, a orde anual de convocatoria das axudas da PAC, coa que se prevé beneficiar uns 23.000 produtores na nosa comunidade
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu hoxe a reunión do pleno do Consello Agrario Galego no que se aprobou un acordo de consenso entre a Xunta e todas as organizacións profesionais agrarias en relación coa futura PAC. Este documento, froito do traballo conxunto da Consellería e o sector, será remitido agora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e tamén se trasladará á Unión Europea. Do mesmo xeito, seguirase traballando conxuntamente para lograr unha fronte común a nivel da cornixa cantábrica.
A conselleira salientou que neste acordo faise unha defensa conxunta, dende Galicia, dunha PAC forte e ben dotada e asúmese o compromiso de seguir colaborando nesta defensa, como se veu facendo nos últimos meses na comisión creada ao efecto no seo do Consello Agrario. Neste sentido, Gómez incidiu en que “Galicia precisa dunha PAC ben dotada e por iso imos seguir traballando na defensa dos nosos sectores produtivos”.
Nesta liña, a conselleira explicou que no texto demándase un cambio na proposta comunitaria para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares tradicionais da PAC, que actualmente blindan as axudas directas e os programas de desenvolvemento rural. Así, lembrou que o recorte pode chegar ao polo menos un 22 %, unha cifra que se traduce en arredor de 80 millóns anuais menos para o agro galego, e que se poden perder os dous fondos diferenciados, que van pasar a unha bolsa común, co conseguinte prexuízo para os recursos destinados ao desenvolvemento rural.
Asemade, rexéitase este novo modelo porque creará diferenzas entre os Estados membros e as rexións, de forma que serán os gobernos os que decidan se van priorizar a PAC, que competirá con asuntos de índole social ou de defensa.
Maior compromiso do Goberno Central
Outro dos puntos que contempla o documento é a esixencia ao Goberno central para que se comprometa a que as melloras propostas pola Comisión Europea para o financiamento da PAC, que son opcionais para os Estados membros, sexan implantadas polo importe máximo que supoñen.
A maiores, no documento apóstase por un enfoque máis rexional da xestión e planificación da PAC, de forma que os fondos europeos para o sector agrario sexan dirixidos e planificados a nivel rexional e poidan estar máis adaptados á realidade de cada territorio, neste caso de Galicia.
Cómpre destacar que, ao fío da PAC, hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a orde anual de convocatoria destas axudas, coas que se prevé beneficiar uns 23.000 agricultores e gandeiros na nosa comunidade. Desde mañá, día seguinte á publicación, as entidades colaboradoras conveniadas co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) poderán empezar a gravar e presentar as solicitudes, cun prazo que permanecerá aberto ata o vindeiro día 30 de abril de 2026. Está previsto que a campaña de 2026 supoña para o agro galego unha inxección total de case 220 millóns de euros, unha cifra semellante ás anteriores dentro do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027.
Outros asuntos de debate
Outro dos temas que se abordaron na reunión deste órgano foi a obrigatoriedade de indicar o NIF dos propietarios das parcelas de máis dunha hectárea, precisamente na solicitude da PAC 2026, unha cuestión á que obriga un Real Decreto. A conselleira manifestou que é un tema que “preocupa ao sector”, polo que avanzou a vontade de “traballar conxuntamente para facer achegas desde Galicia e remitirlle a nosa postura contraria ao Ministerio”.
Por último, a conselleira informou de que neste pleno do Consello Agrario tamén se abordou o tema dos prezos do leite e, ao fío deste asunto, insistiu na mensaxe que a Xunta vén trasladando nos últimos tempos, diante da negociación de novos contratos no sector e que se resume en pedir cohesión aos axentes da cadea de valor e, en especial, corresponsabilidade á industria.
Documentos relacionados
- Documento acordo