A Xunta pon en valor a utilidade das xornadas de automoción do CIFP A Xunqueira para estreitar os vínculos da FP coa realidade do sector

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa no encontro, que reúne ata mañá a estudantes, docentes e profesionais desta industria

Ofrécense demostracións técnicas, charlas, talleres de mecánica de competición e unha exhibición de vehículos clásicos, entre outras actividades

Pontevedra, 20 de febreiro de 2026

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe nas V Xornadas de Automoción do Centro Integrado de FP A Xunqueira, onde puxo en valor “a utilidade deste encontro para estreitar os vínculos da FP coa realidade do sector, un dos ámbitos nos que máis facemos fincapé desde a Xunta de Galicia”. Esta actividade, centrada na formación dos docentes, afonda tamén na liña prioritaria do Goberno galego de favorecer a actualización dos seus coñecementos conforme ás novidades do tecido produtivo.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a calidade das actividades ofertadas hoxe e mañá no centro pontevedrés, así como a relevancia dos poñentes “que dan unha visión plenamente actualizada das oportunidades laborais que se abren para os formados nos ciclos desta familia profesional”.

O CIFP A Xunqueira programa unha ducia de actividades que abranguen demostracións técnicas, charlas, talleres de mecánica de competición e unha exhibición de vehículos clásicos, entre outras. Participan no encontro estudantes, docentes e profesionais desta industria, cos relatorios destacados de bicampión de España de Rallyes, Sergio Vallejo; de Conrado Fernández, profesor do título de experto en Tecnoloxía do Automóbil de Competición da Universidade Católica de Ávila, e do divulgador de automoción clásica Santi Martínez. Participan tamén empresas galegas punteiras no sector da mobilidade.

Ademais, no transcurso das xornadas preséntase o proxecto de innovación de FP Xunkart do CIFP A Xunqueira, no que o alumnado deseña e mellora un vehículo eléctrico de competición, logrando avances técnicos na carrocería e no rendemento do kart. Grazas a este tipo de iniciativa, o centro participou en probas como GreenPower Iberia, competición educativa nacional de coches eléctricos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026