A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou no VI Congreso da Muller Rural co relatorio ‘A xestión dos residuos no rural’

Ángeles Vázquez salienta a aposta da Xunta por levar os mellores servizos ás zonas rurais e o papel chave das mulleres no seu desenvolvemento

A responsable autonómica lembra que o rural galego é sinónimo de respecto ao medio ambiente e de conservación da contorna, polo que se trata dun importante aliado na loita contra o cambio climático

O Executivo galego destaca a contribución das mulleres ao desenvolvemento do medio rural, á xestión sostible do territorio, á posta en valor dos produtos locais e á execución de proxectos que axudan a fixar poboación na comunidade

A Pobra de Trives (Ourense), 21 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor hoxe a aposta da Xunta por levar os mellores servizos ás zonas rurais e o papel chave que teñen as mulleres no seu desenvolvemento. Así o salientou durante a súa participación no VI Congreso da Muller Rural co relatorio A xestión dos residuos no rural, celebrado na Pobra de Trives.

A responsable autonómica destacou que o rural galego é sinónimo de respecto ao medio ambiente e de conservación da contorna, polo que se trata dun importante aliado na loita contra o cambio climático. Nesta liña, e co fin de axudar aos concellos rurais a avanzar neste eido, o Executivo galego habilita todos os anos distintas liñas de achegas co fin de ofrecer os mellores servizos e consolidar a senda da sostibilidade.

Ángeles Vázquez puxo como exemplo os apoios convocados para mellorar a xestión dos residuos de orixe doméstica por parte das entidades locais, que contan cun orzamento de 5,1 millóns de euros distribuídos en distintas liñas co obxectivo de afondar no modelo de economía circular a nivel local. De feito, nesta ocasión flexibilízanse os requisitos de acceso coa finalidade de que cheguen a un maior número de concellos, incluídos os de pequeno tamaño como os rurais.

Nesta liña, a conselleira lembrou que Galicia aposta por coidar o medio ambiente impulsando unha xestión sostible do territorio, promovendo a economía circular e a posta en valor dos produtos locais e proxectos que fixan poboación. Nese obxectivo, expuxo, teñen un papel fundamental as mulleres, cun traballo constante e comprometido co seu desenvolvemento integral.

Previamente participou no congreso a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, co relatorio Igualdade en Galicia, no que expuxo compromiso da Xunta coa promoción e a visibilización das mulleres no rural, un dos ámbitos nos que tradicionalmente se producen máis desigualdades. Deste xeito, avogou por dar voz a todas as referentes que dan vida a novos proxectos que conforman o motor do medio rural e que, segundo recalcou, contan e van contar sempre co apoio do Executivo galego.

No evento interveu tamén a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, que pronunciou o relatorio A rede Ultreia, no que se referiu ao Manifesto de vontades para a creación dunha rede galega de fomento de emprendemento baseada na colaboración público-privada impulsado no I Congreso Ultreia Galicia, asinado pola Xunta e polas entidades representantes do ecosistema e que segue sumando adhesións.

Todo no marco da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, e orientada a fixar actividade económica no rural e a favorecer o equilibrio territorial e a remuda, abranguendo todo o ciclo emprendedor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2026