O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, visitou o laboratorio do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
Gómez Caamaño pon en valor a robotización do laboratorio de microbioloxía do Chuac, cun investimento de 5,3 M€ para optimizar o procesado de máis de 50.000 mostras mensuais
Sinala a mellora no procesamento de mostras, a posibilidade de facer varias deteccións cunha única proba e a redución de erros por contaminación manual
O hospital coruñés é o primeiro de España cunha área de bacteoroloxía do seu laboratorio de microbioloxía totalmente automatizada
Conta con 14 facultativos, 43 técnicos de laboratorio e 5 residentes que se forman no laboratorio
Pola súa especialización, o Chuac é o único hospital galego integrado no Centro de investigación biomédica en rede, de enfermidades infecciosas, do Instituto de Saúde Carlos III
A Coruña, 24 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliña as melloras que supón a robotización do laboratorio de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, grazas a un investimento de 5,3 millóns de euros que permite optimizar o procesado de máis de 50.000 mostras, programadas ou urxentes, cada mes.
Así o resaltou na súa visita ao laboratorio do Chuac, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e co xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde. O percorrido polas instalacións, ampliadas e robotizadas, foi guiado polo xefe de servizo de m1icrobioloxía, Germán Bou, e pola supervisora do servizo, Carmen Bastón.
Gómez Caamaño resaltou que a robotización supón melloras no illamento, na incubación e no proceso de análise das mostras. Neste sentido, o hospital coruñés é o primeiro de España cunha área de bacteoroloxía do seu laboratorio de microbioloxía totalmente automatizada.
Gáñase, polo tanto, en axilidade e seguridade no procesado, así como na análise xenética orientada a tratamentos máis personalizadas.
O conselleiro de Sanidade mencionou os dous retos que afrontaba este proxecto. Por unha banda, acadar o diagnóstico microbiolóxico ultrarrápido de patoloxías infecciosas con plataformas diagnósticas automatizadas e co apoio de técnicas de intelixencia artificial. Isto contribúe a xerar sistemas de amplo espectro capaces de detectar moitos máis patóxenos.
E outro dos retos e o estudo do microbioma e a súa posible relación con determinadas patoloxías e tratamentos, combinando condicións de cultivo non convencionais, técnicas de metaxenómica e metabolómica, así como a automatización integral dos procesos.
Rede nacional de enfermidades infecciosas
Gómez Caamaño puxo de relevancia que o Chuac é o único hospital galego integrado no Centro de investigación biomédica en rede (CIBER) de enfermidades infecciosas do Instituto de Saúde Carlos III. Trátase dun centro de investigación en rede especializado, entre outras cousas, na diagnose de infeccións mediante proteómica e intelixencia artificial, e o microbioma e o cancro.
O conselleiro de Sanidade referiuse, así, ao cambio no xeito de traballar do persoal do laboratorio de microbioloxía do hospital herculino, composto por 14 facultativos, 43 técnicos de laboratorio e 5 residentes que están a ampliar a súa formación neste servizo.
Polo tanto, a adquisición de novo equipamento permite mellorar o procesamento das mostras, facer varias deteccións cunha única proba e reducir os erros por contaminación manual.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.