O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e o destino dos seleccionados na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental
Resultaron adxudicatarias de destino definitivo cinco enfermeiras especialistas en saúde mental
Teñen un mes para incorporarse á praza adxudicada
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo das aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, proceso que foi convocado pola resolución do 3 de xullo de 2023.
A resolución de convocatoria deste proceso realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación.
Este é o terceiro proceso de adxudicación de destino definitivo que se realiza neste proceso selectivo dirixido a impulsar a cobertura de postos de difícil cobertura, tras resultar vacantes cinco prazas, logo das resolucións de nomeamento do 1 de abril e do 26 de setembro de 2025.
As cinco prazas que resultaron vacantes corresponden as áreas sanitarias de Vigo; de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; de Santiago de Compostela e Barbanza; e de Pontevedra e O Salnés.
As aspirantes nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 6 de abril de 2026.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.
As persoas nomeadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso selectivo ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.