A Xunta lamenta que o Goberno central poña novamente obstáculos a Galicia no desenvolvemento da normativa autonómica coa convocatoria dunha comisión bilateral sobre a Lei do Deporte

Segundo informou o conselleiro de Deportes, o Estado cuestiona agora a modificación feita para que o Goberno galego poida presentarse como acusación popular nos procedementos por delitos e actos de violencia no ámbito deportivo autonómico

Para Diego Calvo, “todo parece indicar que Galicia se converteu nun obxectivo político para Pedro Sánchez” e que intenta “por todos os medios” obstaculizar “o noso desenvolvemento normativo, competencias ou novas funcións que queremos levar a cabo”

Incidiu na vontade de Galicia de chegar a acordo nesta nova comisión bilateral e en que a Xunta chegará onde sexa preciso “para defender o que é de xustiza”

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamentou hoxe que o Goberno central siga poñéndolle obstáculos a Galicia no desenvolvemento da súa normativa, desta volta pola modificación feita en decembro da Lei do Deporte de Galicia. Segundo explicou, o seu departamento recibiu un convite para a celebración dunha comisión bilateral, ao entender o Goberno central que esta modificación supón unha posible invasión de competencias.

Cómpre lembrar que a medida lexislativa cuestionada polo Estado busca permitirlle á Xunta comparecer como acusación popular nos procedementos por delitos e actos de violencia perpetrados no ámbito deportivo autonómico e actuar así con firmeza contra agresións nos estadios, violencia nas competicións e condutas que poñen en risco a familias e menores. Ademais, tal e como apuntou o conselleiro, o precepto que cuestiona o Goberno central é exactamente igual ao artigo 30 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Por este motivo, para Diego Calvo, despois do acontecido tamén coa Lei do Litoral ou cos recursos presentados polo Goberno central aos artigos da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas referidos á dependencia e ao sector eólico, aos que precisamente o Tribunal Constitucional levantou a semana pasada a suspensión, “todo parece indicar que Galicia se converteu nun obxectivo político para Pedro Sánchez”,  e que intenta “por todos os medios” obstaculizar “o  noso desenvolvemento normativo, competencias ou novas funcións que queremos levar a cabo”.

O conselleiro incidiu na vontade de Galicia de chegar a acordo nesta nova comisión bilateral e en que a Xunta chegará onde sexa preciso “para defender o que é de xustiza e que xa está incluído noutra normativa autonómica”.

Data de actualización: 03/03/2026