A Xunta e o concello de Trazo poñen en valor a súa colaboración fronte os incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, recibiu esta mañá á alcaldesa da localidade, Josefina Suárez, para avanzar nesta cooperación

Cómpre salientar que Trazo é un dos 238 municipios galegos que xa teñen solicitada a súa adhesión ao novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería e a empresa pública Seaga

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, reuniuse esta mañá no seu despacho de San Lázaro coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez. No encontro avanzouse na colaboración entre a Xunta e este Concello en materia de loita contra os incendios forestais.

Así, púxose en valor o feito de que Trazo ten xa solicitada a súa adhesión ao novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería e a empresa pública Seaga. Desta forma, é un dos 238 municipios galegos que polo de agora formalizaron a súa petición de incorporarse ao acordo, o que supón que un 76 % dos 313 concellos da nosa comunidade xa o fixo.

Cómpre lembrar que este convenio incorpora importantes novidades con respecto aos anteriores documentos asinados nesta materia, como é o incremento da súa dotación ata os 25 millóns de euros anuais e nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas que ten un orzamento de 10 millóns por anualidade.

Ademais, reforzouse o apoio aos municipios, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, e tamén aos particulares, de forma que se promoverán de xeito máis áxil as execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio forestal nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas.

En relación con este novo convenio, cabe sinalar tamén que a comezos deste ano contratáronse os primeiros lotes de traballo. Son en total 12 lotes, por un importe de 6 millóns de euros, que permiten actuar en preto de 1.900 hectáreas, chegando aproximadamente a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2026