A Xunta asina o convenio de cesión ao concello de Lugo do aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o acordo a través do que o Concello asume a explotación, mantemento e conservación do espazo promovido pola Xunta e financiado con fondos europeos Next Generation
Diego Calvo destacou o compromiso da Xunta coa cidade coa posta en marcha doutros aparcadoiros disuasorios nos institutos Nosa Señora de Ollos Grandes e Lucus Augusti, así como co avance nas obras da estación intermodal
Lugo, 4 de marzo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o convenio de colaboración para a cesión do aparcadoiro disuasorio que promoveu a Xunta na contorna da Avenida de Breogán. Coa formalización deste acordo, o Concello asume a explotación, mantemento, conservación e demais dereitos e obrigas inherentes á súa condición de titular. Ao acto de hoxe tamén asistiron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A Xunta destinou un investimento de case 1,2 millóns de euros na construción deste aparcadoiro, financiado por fondos europeos Next Generation ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este espazo permitirá dotar ao barrio da Residencia de 148 novas prazas para estacionar, catro delas para persoas con mobilidade reducida. O aparcadoiro sitúase, ademais, preto de servizos fundamentais para a poboación como son o Centro Integral de Saúde, a oficina de emprego e a residencia de maiores, facilitándolles o estacionamento ás persoas usuarias.
Diego Calvo puxo en valor esta iniciativa moi necesaria para a veciñanza coa que se dota dun punto de encontro onde deixar os vehículos de maneira segura e que a cidadanía poida compartir coche con outros condutores cara ao mesmo destino. A creación de aparcadoiros disuasorios en puntos estratéxicos trátase, precisamente, segundo sinalou, dun exemplo do compromiso do Goberno galego coa mobilidade sostible.
Ás 148 prazas deste aparcadoiro na Avenida de Breogán súmanse na cidade lucense as máis de 30 postas á disposición dos veciños e veciñas de Lugo o pasado agosto na área de estacionamento do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Do mesmo xeito, prevese que proximamente se abra outra trintena de prazas noutro aparcadoiro disuasorio no instituto Lucus Augusti.
Segundo explicou o conselleiro, o impulso dos aparcamentos disuasorios como o da Avenida de Breogán forma parte do compromiso da Xunta coa mobilidade sostible, xunto con outras medidas como as sendas peonís e ciclistas ou a mellora da accesibilidade e da conectividade nas paradas de autobús, no marco da Estratexia Galega de Mobilidade. Esta folla de ruta ata 2050 implica a todas as administracións e representa un investimento superior aos 400 millóns de euros con case un cento de medidas.
Neste marco de acción, Diego Calvo incide en que o Goberno galego contribúe ao fomento do transporte público a través do Plan de Transporte Público de Galicia, ao que destina máis de 160 millóns de euros este ano, mantendo as bonificacións á cidadanía con medidas como as 60 viaxes mensuais gratuítas á poboación menor de 21 anos que empregue a Tarxeta Xente Nova ou aos maiores de 65 anos coa tarifa +65.
Do mesmo xeito, neste ámbito enmárcase ademais a aposta polas estacións intermodais como a que se está levando a cabo en Lugo. A Xunta segue a avanzar na parte desta infraestrutura correspondente ao Goberno galego -a terminal de autobuses e o aparcadoiro- que se prevé culminar este ano e que conta cun investimento de case 14 millóns de euros e coa financiación de fondos europeos Feder e Next Generation.