A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa explicou ante a Comisión 4º do Parlamento o estado desta iniciativa da Xunta pioneira a nivel estatal
A Xunta salienta que EdugalIA mellorará o sistema educativo en eidos clave como a loita contra o abandono escolar e a atención á diversidade
Judith Fernández refírese a unha “aposta estrutural de país” para pasar “da simple dixitalización a unha gobernanza intelixente” a través da IA
Explica que, grazas á xestión e análise integrada de datos, a Administración educativa poderá anticiparse e actuar ante situacións de risco
O proxecto, en licitación, tamén permitirá implantar o expediente académico único do alumno e unha plataforma de comunicación entre centros, familias e alumnos
Trátase do desenvolvemento tecnolóxico de IA no ensino máis importante de España ao acadar 10 M€ a través do proceso de Compra Pública Innovadora
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destaca o proxecto EdugalIA como unha iniciativa integral de gobernanza educativa que vai resultar clave na loita contra o abandono escolar temperá e nunha mellor á diversidade na medida en que permitirá adiantarse e axustar a toma de decisións baseada en datos obxectivos e rigorosos.
Así o sinalou esta mañá ante a Comisión 4ª do Parlamento, onde compareceu a petición propia para dar conta deste proxecto pioneiro a nivel estatal que vai supoñer un cambio de modelo na forma de deseñar, xestionar e avaliar as políticas públicas educativas ao incorporar a intelixencia artificial como ferramenta de apoio neste eido.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que EdugalIA “non se limita a un esforzo de adquirir tecnoloxía, senón en facela útil para mellorar o sistema e, en definitiva, un proxecto para gobernar mellor”. “Non é un proxecto máis, senón unha aposta estrutural de país en materia educativa para pasar da simple dixitalización a unha gobernanza intelixente, capaz de soster políticas públicas con evidencias, anticipación e avaliación real”, abondou.
Prevención real do abandono
Segundo Judith Fernández, o seu “eixo central” é a loita contra o abandono temperá, xa que permitirá identificar mellor os factores de risco asociados, anticiparse na toma de decisións, previr estas situacións e avaliar o impacto real dos programas educativos. Isto é, posibilitará “unha prevención real do abandono ao pasar de diagnosticar tarde a intervir con datos antes”.
Na práctica tamén permitirá unha mellor atención á diversidade con ferramentas que reforcen a orientación, a identificación de necesidades e a dotación de recursos, así como a adopción de decisións baseadas en evidencias. Por outra parte, crearase o expediente dixital único do alumno e habilitarse un punto único de comunicación entre familias, centros e administración. En definitiva, EdugalIA deseñar un sistema integrado de investigación e estatística educativa e, deste xeito, desenvolver un ecosistema de xeración de coñecemento educativo.
Por outra parte, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa destacou a envergadura e a solvencia deste desenvolvemento tecnolóxico de IA máis importante de España, para o cal a Xunta de Galicia logrou captar 10 M€ procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ao abeiro da Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación.
EdugalÍA leva aparellado un orzamento total de 16,5 M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante Feder plurirrexional), dos cales nestes momentos se atopan en contratación os 13,5 M€ necesarios para executar as dúas fases do proxecto que abranguen unha primeira de servizos de I+D e outra segunda de adquisición e despregamento das solucións correspondentes.