A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na inauguración da xornada sobre o Avance no estado das solucións de adaptación ao cambio climático

A Xunta avanza no deseño de solucións de adaptación climática para consolidar Galicia nos obxectivos de neutralidade

Ángeles Vázquez pon en valor a participación de Galicia no proxecto europeo SystR, que ten como obxectivo acelerar a adaptación ao cambio climático en Europa con solucións coordinadas e conectadas para conseguir unha resiliencia sistémica

No marco desta iniciativa, Galicia replicará as experiencias piloto deseñadas en Guadalupe (Francia) xa que ao tratarse de dúas rexións costeiras poden sufrir retos sistémicos comúns e, polo tanto, precisar accións de adaptación similares

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

A Xunta avanza no deseño de solucións de adaptación climática para consolidar Galicia nos obxectivos de neutralidade, tal e como indicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático durante unha xornada que se celebrou na Cidade da Cultura sobre esta cuestión.

Durante a súa intervención a conselleira fixo fincapé no traballo que se vén realizando na Comunidade na loita contra o cambio climático como, por exemplo, a recente aprobación da Lei do clima, e nesa liña indicou que “a resiliencia é anticiparse, adaptarse e transformarse, e non só resistir”. E iso require “visión estratéxica, traballo conxunto entre as distintas administracións e participación social”, salientou.

Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor a participación de Galicia no proxecto europeo SystR, que ten como obxectivo acelerar a adaptación ao cambio climático en Europa con solucións “coordinadas e conectadas” e conseguir unha “resiliencia sistémica” identificando as fortalezas locais que contribúan a desenvolver solucións efectivas e innovadoras.

En concreto, ao abeiro desta iniciativa europea, Galicia converterase nun laboratorio que creará a súa propia folla de ruta cara á adaptación climática. Segundo dixo a conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, esta iniciativa consiste no deseño de proxectos piloto en determinados lugares que serán replicados noutros de semellantes características.

Así, Galicia replicará as propostas deseñadas nas illas Guadalupe (Francia) especialmente no ámbito das solucións baseadas na natureza xa que ao tratarse de dúas rexións costeiras poden sufrir retos sistémicos comúns e, polo tanto, precisar accións de adaptación similares.

A participación de Galicia nesta iniciativa reforza o compromiso da Xunta coa adaptación ao cambio climático e sitúa á comunidade no centro da innovación climática xunto con outros 26 socios e 2 entidades afiliadas de toda Europa e que está liderada polo Centro Nacional de Investigación Científica Demokritos de Grecia.

“O cambio climático é un dos maiores desafíos da actualidade, pero tamén é unha oportunidade para repensar os nosos sistemas, fortalecer as nosas comunidades e impulsar unha transición máis xusta, máis sostible e máis preparada para o futuro”, concluíu a conselleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2026