A Xunta anima a solicitar os 2,5 M€ en axudas para os centros comerciais abertos co gallo da Feira de Oportunidades de Arteixo

Arteixo (A Coruña), 5 de marzo de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, participou hoxe na presentación da Feira de Oportunidades organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) da localidade e apoiada pola Xunta, que se desenvolverá entre mañá, venres 6, e o domingo 8 no Campo da Festa. Alí, aproveitou para recordar que está aberto deica o día 12 deste mes de marzo o prazo de solicitude da edición de 2026 das achegas aos CCA, co obxectivo de reforzar a súa excelencia e capacidade de dinamización das contornas nas que se integran, enfocándose na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados.  

Previamente á presentación da Feira de Oportunidades de Arteixo —que contará cun total de 20 comercios participantes dunha ampla diversidade de sectores—, o director xeral fixo un percorrido por varios establecementos adheridos ao CCA da vila arteixá co obxecto de coñecer de primeira man as súas necesidades e de informalos sobre as medidas contempladas para o seu impulso no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2026