O presidente da Xunta visitou hoxe o centro integral de saúde vigués, que abrirá as súas portas o vindeiro luns de forma gradual
Rueda destaca que o novo CIS Olimpia Valencia sitúa Vigo na vangarda sanitaria ao ser o centro de saúde coa carteira de servizos máis ampla de Galicia
Subliña que a infraestrutura é froito dun investimento de 17 M€ para dar servizo a máis de 42.000 veciños
Resalta o feito de reutilizar e transformar a antiga Audiencia Provincial nun edificio de 7.000 m², 65 consultas e equipamento de última xeración
Enmarca esta actuación no compromiso da Xunta coa sanidade viguesa, á que o Goberno galego destina máis de 1.000 M€ este ano
O luns o centro atenderá urxencias e o martes 10 iniciará a actividade ordinaria
Vigo, 5 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que o novo Centro Integral de Saúde (CIS) Olimpia Valencia supón “un centro para unha sanidade moderna e un magnífico edificio que merece Vigo e tamén a sanidade pública”. Así mesmo, este novo centro coloca a cidade olívica na vangarda sanitaria ao converterse no dispositivo coa carteira de servizos máis ampla de todo o Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Así o destacou durante unha visita ás novas instalacións, na que estivo acompañado polos conselleiros de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e de Sanidade, María Martínez Allegue e Antonio Gómez Caamaño, respectivamente. O novo CIS, o terceiro que abre as súas portas en Galicia tras os do barrio da Residencia, en Lugo, e o de Lalín e comarca de Deza, responde á necesidade de contar con espazos renovados, unificados, accesibles e confortables e cun equipamento punteiro para garantir unha sanidade pública de calidade, máis próxima e resolutiva tanto para doentes como profesionais.
O titular do Goberno galego tamén fixo referencia ao nome elixido para as instalacións, que fai referencia á “primeira muller en Galicia que se licenciou en Medicina e que, ademais, veu traballar aquí a Vigo, algo que, estando tan preto do 8 de marzo, é unha boa forma de renderlle homenaxe a ela e a tantas outras mulleres que foron abrindo camiño e que o seguen facendo”.
A construción do centro sanitario vigués supuxo un investimento por parte do Goberno galego de 17 millóns de euros e conta con máis de 7.000 m², 7 andares e 65 consultas que integran a atención primaria con servizos especializados, onde traballarán 122 profesionais, 13 deles en prazas de nova creación.
Así, Rueda resaltou que o proxecto tamén aposta pola sustentabilidade ao reutilizar o edificio da antiga Audiencia Provincial e que prestará servizo a máis de 42.000 veciños e veciñas, asumindo a actividade dos centros de saúde de López Mora e Nicolás Peña, ademais de cotas médicas e toda a pediatría doutros centros da contorna como Pintor Colmeiro, Coia, Rúa Cuba, Rosalía de Castro ou Beiramar.
Entre as novidades da carteira de servizos, o CIS Olimpia Valencia incorpora fisioterapia, odontoloxía, nutrición, farmacia, traballo social e matrona, ademais de cinco unidades de nova creación que reforzan especialmente a atención pediátrica e a saúde mental: atención a pacientes pediátricos con patoloxía crónica complexa, psicoloxía infantil, psicoloxía de atención primaria, trastornos de conduta alimentaria en idade pediátrica e rehabilitación cardíaca. Ademais, o centro albergará a base asistencial do 061, que se trasladará desde o Nicolás Peña. “Creo que aquí hai unha magnífica oportunidade de volver demostrar que Galicia Calidade é moito máis que un lema; é unha realidade que facemos entre todos”, asegurou
O traslado gradual dos profesionais comezará o vindeiro luns, cos de López Mora, de xeito que o CIS abrirá as súas portas ese mesmo día para atender urxencias e iniciará a actividade ordinaria o martes día 10. “Todo isto non é nada sen os profesionais, polo que agradezo unha vez máis o traballo de todo o persoal sanitario e tamén o non sanitario que traballa na sanidade pública galega”, apuntou.
Compromiso coa sanidade viguesa
Alfonso Rueda indicou que este é “un investimento continuo”, polo que lembrou que a Xunta cumpre con Vigo, destinando este ano máis de 1.000 M€ nesta área sanitaria. Neste sentido, repasou a folla de ruta do Goberno galego, que inclúe os centros de saúde xa creados en Navia, Taboada Leal e Bouzas, a próxima entrada en servizo do de Moaña e o impulso aos futuros centros do Rebullón (Mos) e Ponteareas.
Así mesmo, a Xunta destina máis de 1.700 millóns de euros este ano para reforzar a atención primaria no conxunto de Galicia, ao mesmo tempo que traballa para dotala de máis profesionais, mellores equipamentos e infraestruturas renovadas. “A nosa obriga é ter cada vez mellores servizos, investir os cartos que saen dos impostos dos galegos co máximo rigor”, insistiu.