A Xunta premia a incorporación da artesanía á moda na Gala Despunte da Escola Mestre Mateo

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entrega esta tarde o Premio Fusión Artesanía e Moda patrocinado pola Xunta no marco da XVI Gala Despunte

O evento está organizado por esta Escola de Arte e Superior de Deseño compostelá, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa coa súa aposta pola incorporación dos oficios artesanais ao ámbito da moda potenciando a súa relevancia entre os talentos emerxentes do sector. A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocina un ano máis o Premio Fusión Artesanía e Moda, dotado con 1.500 euros, que entregará esta tarde a súa xerente, Elena Fabeiro, durante a XVI Gala Despunte 2026, organizada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

No desfile, que terá lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, participarán máis de 30 coleccións creadas polo alumnado das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda. Ademais do galardón patrocinado por Artesanía de Galicia, na gala entregaranse os Premios Despuntes aos Mellores Traballos de Fin de Estudos dos Graos de Deseño de Moda e de Deseño de Produto, dotados con 1.500 € cada un; os Premios Despunte aos Mellores Proxectos Finais dos Ciclos Superiores de Artes Plásticas (Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiería Artística), dotados con 500 €; o Premio ao Deseño Circular ao mellor proxecto realizado con pneumático reciclado, dotado con 500 €; o Premio Miscelánea á mellor colección de moda de 3º curso, dotado con 500 €, e o Premio A lingua: arte da túa terra, dotado con 200 €. Nesta edición entregarase por primeira vez un trofeo para cada categoría, elaborado integramente polo alumnado de Técnicas Escultóricas da propia escola.  Outra das novidades do desfile deste ano é a participación dunha colección convidada, obra da deseñadora Alice Vitali, da Academy of Fine Arts de Macerata (Italia).

A Gala é o evento central do evento Despunte 2026, que inclúe unhas xornadas de recrutamento de talento por parte de destacadas marcas do sector téxtil como Bimba y Lola, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, El Pulpo, Pull&Bear e Zara, desenvolvidas esta mañá e co que se consolida o vínculo entre as ensinanzas artísticas e o mundo profesional.

O evento complétase cunha exposición na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, Santiago de Compostela) na que se poderán ver os cinco mellores proxectos finais das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Produto e das Ensinanzas Artísticas Profesionais de Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiería Artística. A mostra estará aberta ao público ata o 15 de marzo en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 h., de martes a venres, e de 10,30 a 14,30 h. os sábados.

Data de actualización: 05/03/2026