O Ifevi entrega á Xunta, ao concello de Vigo e á Zona Franca a nova valoración do recinto que reflicte resultados moi similares á anterior avaliación

Tras trasladar este novo documento —encargado polo propio Ifevi a unha empresa especializada independente tralo consenso das tres partes— a entidade convocaraas a unha nova reunión para seguir dando pasos na potenciación do recinto

Neste sentido, a nova valoración sinala que o valor actual do complexo rolda os 35 M€, dos que 20 M€ son das construcións propiedade do Ifevi financiadas coas achegas da Xunta e máis de 14,7 M€ ao cedido polo Concello

Esta avaliación foi encargada co obxectivo de reforzar a transparencia e a confianza institucional e para avanzar na gobernanza tripartita, baixo a premisa do Goberno galego de non frear os traballos que están en marcha

De feito, en paralelo, as partes implicadas avanzan na optimización deste espazo dentro do grupo de traballo creado para tal fin

Ademais recentemente lanzouse a licitación da asistencia técnica do proxecto dos plans funcional e estratéxico do Ifevi, tras aprobar por unanimidade o padroado o prego técnico co fin de deseñar no menor prazo posible ambas ferramentas

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026

O padroado do Ifevi remitiu hoxe á Xunta de Galicia, ao Concello de Vigo e a Zona Franca a nova valoración homologada do recinto que encargou o propio Ifevi a unha empresa especializada independente tralo consenso das tres partes. Os resultados desta nova avaliación dos activos do recinto son moi similares aos da realizada anteriormente e tamén encargada polo padroado do Ifevi.

Neste sentido, sinala que o valor actual do complexo rolda os 35 M€, dos que 20 M€ son das construcións propiedade do Ifevi financiadas coas achegas da Xunta e máis de 14,7 M€ ao cedido polo Concello. Cómpre lembrar que a primeira valoración reflicte que o valor do recinto é de 35,6 M€, do que 20,6 M€ corresponde ao achegado polo Goberno galego e 14,9 M€ ao cedido polo Concello.

Tras trasladar esta nova valoración, o Ifevi convocará ao Executivo autonómico, o Concello de Vigo e a Zona Franca a unha reunión para seguir dando pasos na potenciación do recinto. Este documento foi encargado co obxectivo de reforzar a transparencia e a confianza institucional e como reflexo da man tendida do Goberno galego ao Concello de Vigo e á Zona Franca a prol da implantación dun modelo de gobernanza baseado nun sistema tripartito de toma de decisións por unanimidade entre as tres entidades. Todo isto, baixo a premisa da Xunta de que este estudo non supoña frear nin atrasar os traballos que xa están en marcha.

Grupo de traballo

De feito, en paralelo, as partes implicadas avanzan na potenciación do Ifevi dentro do grupo de traballo creado para tal fin e no que se puxeron en común as principais necesidades e liñas de actuación que cómpre analizar. Entre elas, inclúense melloras operativas, cuestións relacionadas cos accesos e aparcamentos, e a reordenación de espazos, entre outros aspectos. Neste contexto, a tarefa principal é avanzar con axilidade e, ao mesmo tempo co rigor técnico que aporta o grupo de traballo, para que o recinto poida dispoñer canto antes dunha folla de ruta sólida, en beneficio de Vigo e da súa área de influencia.

Dentro destes traballos, o pasado 5 de febreiro, o padroado do Ifevi aprobou por unanimidade o prego técnico para a licitación da asistencia técnica do proxecto dos plans funcional e estratéxico do espazo, que se lanzou recentemente co fin de deseñar no menor prazo posible e con todas as garantías, dentro deste marco de colaboración público-privada ambas ferramentas clave para orientar o desenvolvemento futuro do complexo con criterios de planificación, eficiencia e visión a longo prazo.

Deste grupo forman parte representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Pontevedra, da Mancomunidade de Vigo e da Zona Franca. Tamén se integran Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil, como usuarios estratéxicos do recinto. Esta composición acordouse por unanimidade do Padroado nunha reunión celebrada o 12 de decembro de 2025.

Data de actualización: 06/03/2026