Román Rodríguez esixe na conferencia sectorial de educación unha “solución inmediata” ao conflicto dos auxiliares de conversa

O conselleiro lamenta a “indefensión” que sofre Galicia e demanda á ministra de Educación que resolva o asunto coa ministra de Traballo porque, do contrario, “ambas serán as responsables de deixar abandonados a milleiros de alumnos”

Tamén reclama un grupo de traballo para establecer “un calendario realista e o financiamento necesario” para a futura lei de ratios do Goberno central

Salienta que Galicia está a favor destas medidas, que de feito xa empezaron a ser implantadas, e pide ao Ministerio que “non parasite o traballo das comunidades

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, esixe ao Goberno do Estado que ofreza unha “solución inmediata desde o punto de vista xurídico” ao programa de auxiliares de conversa cuxa continuidade está en risco debido ás discrepancias entre os ministerios de Educación e de Traballo. Así o expuxo hoxe ante a Conferencia Sectorial de Educación, na que participou por videoconferencia e onde tivo a oportunidade de falar por primeira vez coa nova ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón, desde que tomara posesión do seu cargo en decembro do ano pasado.

Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que as autonomías están “totalmente indefensas” ante as inspeccións arbitrarias do Ministerio de Traballo ás comunidades autónomas que levan aparelladas sancións millonarias por esixir aos auxiliares de conversa un contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidos polo Ministerio de Educación como persoas que participan nun intercambio cultural.

O representante do Goberno galego amosouse moi crítico coa xestión que está levando a cabo o Ministerio que dirixe Tolón pola súa “inoperancia e falta de solucións”. De seguir así, advírtelle de que será “a responsable -xunto coa ministra de Traballo,  Yolanda Díaz,- de que milleiros de alumnos non progresen na práctica dunha lingua estranxeira” a través deste programa de éxito que en Galicia leva 15 anos funcionando con normalidade e que contribuíu a que os estudantes galegos se sitúen como os con maior nivel de España en Inglés, segundo o informe anual de Education First (EF).

Cómpre lembrar que o programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación e, no mesmo, estas persoas non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora está a esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga na meirande parte a propia Xunta. De feito, é o Goberno galego é que se fai cargo da maior parte do custo do programa (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).

Lei de ratios

Outro dos asuntos abordados na Conferencia Sectorial de Educación foi a nova lei de ratios anunciada polo Goberno do Estado, para a cal Román Rodríguez reclamou que se constitúa un grupo de traballo coas comunidades autónomas. “De no crearse este grupo, sería parasitar o traballo que realizamos desde as comunidades autónomas”, declarou.

“En ningún momento fomos escoitados e queremos participar dunha normativa que nos atinxe directamente xa que somos as autonomías as que temos que executar o mandato desa futura lei”, explicou ao tempo que reclamou “respecto institucional e cooperación”. Así pois, Galicia esixe “un calendario realista e o financiamento necesario para aplicar a lei”, posto que as comunidades autónomas “somos as competentes neste eido”.

De feito, Galicia “xa vai por diante” en moitos dos aspectos que agora o Goberno do Estado “nos copia e pretende presentar coma novidosos”. Proba diso é que, grazas ao Acordo de melloras asinado cos sindicatos en 2023, o sistema educativo galego xa aplica desde o curso pasado a mellora de ratios desde 4º de Infantil, contabilizamos de xeito especial os nenos con necesidades (algo que non fai ningunha comunidade autónoma) e melloramos os agrupamentos de aulas no rural, entre outras medidas. Ademais, actualmente séguese traballando coas organizacións sindicais para mellorar as condicións laborais no ámbito de Secundaria.

Data de actualización: 06/03/2026