Medio Rural convoca as achegas para favorecer a remuda xeracional dotadas cun orzamento de 53 M€
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas axudas, que contan con 23 millóns de euros para a incorporación de mozos ao agro e outros 30 millóns para financiar os plans de mellora asociados
Con esta orde búscase dar resposta á alta demanda de solicitudes recibidas no 2025, e por iso poderán optar a estas achegas tanto os solicitantes do ano pasado coma outros novos
O prazo de presentación será dun mes a partir de mañá
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se convocan as achegas para favorecer a remuda xeracional no sector agrogandeiro, dotadas cun orzamento de 53 millóns de euros para este 2026. En concreto, 23 millóns irán destinados á incorporación de mozos ao agro, mentres que os 30 millóns restantes van dirixidos a financiar os plans de mellora asociados a estas incorporacións. Trátase da maior convocatoria desde 2018.
Esta nova convocatoria busca responder tamén ao alto número de solicitudes que se recibiron para estas axudas no ano 2025 -máis de 460 de xeito conxunto entre ambas partidas-. Nesta situación, e co obxectivo de poder dar resposta á demanda e impulsar a incorporación dun maior número de agricultores e gandeiros mozos ao sector na nosa comunidade, lánzase esta nova partida. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da súa publicación no DOG.
Deste xeito, as achegas non só poderán financiar a aquelas persoas que soliciten a achega por primeira vez, senón tamén ás que xa a pediran no 2025. Os mozos que xa presentaran a súa solicitude non terán que volver rexistrala e garánteselles as mesmas condicións que tiñan o ano pasado, especialmente en relación cos prazos dos investimentos e a idade máxima permitida -41 anos-.
A través destas axudas o Goberno autonómico afianza a súa aposta pola remuda xeracional, que é fundamental para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental da actividade agrogandeira no seu conxunto. Por outra banda, a mellora das explotacións incide de xeito positivo na súa rendibilidade e competitividade.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260309/AnuncioG0426-260226-0003_gl.html.