A Xunta conforma a comisión interdepartamental para avanzar na elaboración do Plan Galego de Control de produtos importados

Este documento forma parte das medidas postas en marcha polo Goberno autonómico para defender os intereses do sector primario ante as implicacións do tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur

Nesta primeira xuntanza estiveron presentes os directores xerais da PAC e do Control da Cadea Alimentaria e de Comercio e Consumo, xunto con representantes da Consellería de Sanidade

Estase a elaborar xa un borrador de Plan de control en materia de cadea e calidade alimentaria que, xunto coas achegas do resto de departamentos, integrarase nun único Plan

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia vén de conformar a comisión interdepartamental para avanzar na elaboración do Plan Galego de Control de produtos importados, que forma parte do paquete de medidas posto en marcha polo Goberno autonómico para defender os intereses do sector primario ante as implicacións do tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur.

Nesta primeira reunión estiveron presentes os directores xerais da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto con representantes da Consellería de Sanidade. O obxectivo desta xuntanza é implementar un plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados, a todos os niveis, para inspeccionar os residuos de substancias non permitidas, detectar as imitacións de produtos de marcas de calidade galegas ou avaliar as condicións sanitarias dos produtos, entre outras cuestións.

A maiores deste encontro, estase a elaborar xa un borrador de Plan de control en materia de cadea e calidade alimentaria contra imitacións, fraudes na composición reflectida na etiquetaxe dos produtos, así como nos calibres, tamaños, peso, trazabilidade e da orixe do produto. Este plan, xunto coas achegas do resto de departamentos da Xunta, integrarase nun único Plan Galego de Control de produtos importados.

Paquete de medidas impulsado polo Goberno autonómico

A finais de xaneiro deste ano, a Consellería do Medio Rural impulsou un paquete de medidas, a curto e medio prazo, ante a posible entrada en vigor do acordo UE-Mercosur. Neste documento incluíanse varias peticións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Bruxelas, todas elas xa executadas; así como compromisos a desenvolver en Galicia que están practicamente todos en marcha.  

Entre as iniciativas máis destacadas figuran a posta en marcha do Observatorio de Prezos de Galicia; o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade; o desenvolvemento dunha estratexia de impulso a exportacións de produtos da nosa comunidade co fin de aproveitar as oportunidades dos novos mercados; ou a realización de campañas de sensibilización entre os consumidores para incrementar o consumo da produción propia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2026