A Xunta recibe no primeiro día 73 solicitudes para o programa de axudas Fogar Vivo, destinado a mobilizar vivendas baleiras e destinalas a alugueiro accesible

Nesta convocatoria, cuxo prazo abriu onte e finalizará o 3 de xuño, a Xunta triplicou o orzamento, chegando aos 2,8M€

Trátase de axudas dirixidas a obras de reforma, compra de elementos de mellora ou adquisición de electrodomésticos, entre outros

As axudas poden chegar ata os 16.000€ por vivenda e contémplanse ata 3.000€ para sufragar seguros de impagos e de danos no fogar durante os 5 primeiros anos do contrato, ademais dun importe de 2.000€ adicional se o propietario aluga a vivenda a menores de 36 anos

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

A Xunta recibe no primeiro día 73 solicitudes para o programa de axudas Fogar Vivo, destinado a mobilizar vivendas baleiras e destinalas a alugueiro accesible. Nesta segunda convocatoria das axudas, a Xunta triplica o orzamento destinado, cunha dotación de 2,8M€, e o prazo para solicitalas finalizará o 3 de xuño.

Das 73 solicitudes, a meirande parte corresponden á provincia de Lugo (22), mentres que outras 21 foron presentadas por solicitantes de Pontevedra, 12 en Ourense e 18 da provincia da Coruña.

Hai que lembrar que a contía máxima destas subvencións será de ata 16.000€ por vivenda, dos que ata 11.000€ irán dirixidos á rehabilitación; e 2.000€ adicionais para obras cando os inquilinos da vivenda non superen os 36 anos ou sexan familias con fillos menores a cargo ou con persoas dependentes.

Ademais o programa contempla axudas de ata 3.000€ para sufragar os seguros de impagos e de danos no fogar durante os 5 primeiros anos do contrato, un incentivo para reforzar a seguridade dos propietarios e animalos a ofertar vivendas en alugueiro.

Con estas axudas, os propietarios poden acometer melloras na vivenda, incluíndo a renovación de electrodomésticos ou sanitarios, acondicionando inmobles que en moitos casos, levaban tempo sen uso, para alugalos. Ademais, para que o dono do inmoble teña maior flexibilidade para executar as actuacións, a Xunta poderá realizar pagamentos anticipados, ata nun 80%, aboando o 20% restante coa xustificación final da obra.

Na primeira convocatoria o pasado 2025, a Xunta concedeu un total de 239 achegas a través deste programa, e mobilizou 1,3M€.

Data de actualización: 10/03/2026