A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe un encontro co alcalde, Telmo Martín, no que se abordou esta nova colaboración
A Xunta construirá arredor de 40 vivendas públicas para menores de 36 anos no concello de Sanxenxo, tras acordar a cesión da parcela da rúa das Cunchas
A parcela, próxima á praia de Silgar é un solo dotacional no que, grazas á modificación normativa aprobada pola Xunta, poderase construír vivenda pública
A conselleira destacou a cooperación co Concello de Sanxenxo, que xa cedeu outra parcela en Noalla para a construción de 25 vivendas de promoción pública por parte da Xunta
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
A Xunta construirá arredor de 40 vivendas públicas para menores de 36 anos no Concello de Sanxenxo, tras acordar a cesión da parcela da rúa das Cunchas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe un encontro co alcalde, Telmo Martín, no que se abordou esta nova colaboración.
Allegue destacou que, no reto da Xunta para duplicar o parque público de vivenda residencial é precisa a cooperación dos concellos e subliñou neste senso a colaboración de Sanxenxo cunha nova cesión de solo onde construír, despois da formalización xa en febreiro doutra cesión en Noalla, onde a Xunta construirá 25 vivendas públicas.
Explicou que a nova parcela está situada na rúa das Cunchas, no centro do núcleo urbano de Sanxenxo e próxima á praia de Silgar. E subliñou que se trata dun solo dotacional de titularidade municipal, no que, grazas á modificación normativa aprobada este ano pola Xunta, poderase construír vivenda.
Os futuros fogares estarán destinados ao alugueiro accesible para menores de 36 anos. Nos vindeiros días asinarase a cesión e a Xunta licitará o antes posible a redacción deste pxoxecto.
No que atinxe á promoción de Noalla, a Administración autonómica ten en licitación a redacción deste proxecto, dirección de obra e a construción destes fogares por un orzamento de case 6,8M€ e o prazo de presentación de ofertas remata o 29 de abril.