O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, informou esta mañá en rolda de prensa das prazas convocadas na sanidade pública

Gómez Caamaño destaca a convocatoria de 5.550 prazas de distintas categorías do Servizo Galego de Saúde co fin de reforzar os cadros de persoal e reducir a temporalidade

En marzo, o Servizo Galego de Saúde convocará, polo sistema de concurso de méritos, máis de 100 prazas de facultativo para postos de difícil cobertura

Nos meses de abril e maio desenvolveranse as probas para acceder a 2.240 prazas de distintas especialidades de enfermaría e a 236 de persoal de servizos xerais

O departamento sanitario da Xunta realizará a primeira convocatoria de prazas fixas para a categoría de enxeñeiro biomédico

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá a convocatoria de 5.500 prazas coas que Servizo Galego de Saúde reforzará os seus cadros de persoal e reducirá a temporalidade dos seus profesionais.

Segundo apuntou o titular da carteira sanitaria da Xunta, nestes momentos o Executivo galego ten convocadas un total de 5.414 prazas, distribuídas en diferentes categorías profesionais, ás que se engadirán outras 136 nos vindeiros meses. Neste senso, subliñou que estes procesos selectivos contribuirán a reforzar a estabilidade dos profesionais do sistema sanitario público, ao tempo que incidirán na redución da temporalidade por debaixo do 8 %.

“Nunca houbo tantas persoas traballando na sanidade pública galega”, referiu o conselleiro, apuntando que a peche do pasado ano o Sergas contaba con 48.690 profesionais.

Primeiras probas en abril e maio

Acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, o responsable autonómico precisou que, durante os meses de abril e maio, a Xunta levará cabo as probas para acceder ás 2.240 prazas convocadas en diferentes categorías de enfermería e tamén ás 236 de persoal de servizos xerais (PSX).

En concreto, na xornada do sábado, 25 de abril, desenvolveranse os exames das categorías de enfermería especialista en: obstetricia-xinecoloxía, pediatría, familiar e comunitaria e do traballo. Ademais, o domingo 26 de abril, terán lugar as probas da categoría de persoal de servizos xerais (PSX).

Xa na xornada do 9 de maio, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo as probas de acceso da categoría de enfermería. No seu conxunto, estes procedementos selectivos contan con máis de 17.000 persoas inscritas.

Entre as novidades anunciadas esta mañá por Gómez Caamaño, destaca que o vindeiro mes de marzo a administración autonómica publicará unha nova convocatoria para a provisión de máis de 100 prazas en postos cualificados como de difícil cobertura, polo sistema de selección de concurso de méritos.

Ademais, tamén informou da primeira convocatoria de prazas fixas para a categoría de enxeñeiro biomédico, coa previsión de publicarse no Diario Oficial de Galicia no mes de marzo.

Exames para o segundo semestre do ano

A consellería de Sanidade ten previsto a realización das probas de acceso para, cando menos, outras 10 categorías, durante o segundo semestre deste 2026.

Nomeadamente, levaranse a cabo os exames das categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), técnico en farmacia, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, fisioterapeuta, traballo social, grupo auxiliar da función administrativa, celador, técnico superior de sistemas e tecnoloxías de información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías de información e técnico especialista de sistemas e tecnoloxías de información.

Prazas en 77 categorías diferentes

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Mar Pousa, remarcou que o compromiso do Goberno galego coa estabilidade laboral reflíctese nas ofertas de emprego público (OPE) dos anos 2024 e 2025, nas que incluíron 1.157 e 3.560 prazas, respectivamente; e as que se deben engadir as prazas pendentes de convocar das ofertas de emprego dos anos 2022 e 2023.

Segundo explicou,  o Servizo Galego de Saúde ten convocadas prazas para un total de 77 categorías diferentes.

Entre outras, destacou as 2.240 prazas para diferentes especialidades de enfermería, as 567 prazas para diversas especialidades de facultativo, as 45 prazas que se convocan por primeira vez na categoría de dietista-nutricionista, as 1.306 na categoría de técnico auxiliar en coidados de enfermería (TCAE), as 348 de celador ou as 200 de persoal auxiliar administrativo (PSX).

Mar Pousa subliñou que das 5.414 prazas convocadas, un total 2.078 estarán reservadas para a quenda de promoción interna. Ademais, 389 prazas estarán reservadas para persoas que acrediten discapacidade, das que 95, se ofertarán para seren cubertas por persoas con discapacidade intelectual.

Próximas convocatorias, 136 novas prazas

A Consellería de Sanidade informou tamén da futura convocatoria de 136 novas prazas que se distribuirán nunha ducia de categorías e que se convocarán nos próximos meses.

En concreto, convocaranse novas prazas de: enfermería especialista en saúde mental, medicina familiar e comunitaria, médico especialista en hospitalización a domicilio, pediatra de atención primaria, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, enxeñeiro biomédico, enxeñeiro técnico, grupo técnico da función administrativa, peiteador e persoal técnico en prevención de riscos laborais.

Con este número de prazas e a execución das probas, a Xunta reafirma a súa aposta pola consolidación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde, así como a calidade asistencial que presta á poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026