Medio Rural reafirma o seu apoio a propietarios e concellos a través do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, dotado con 25 M€
A conselleira María José Gómez comprobou hoxe os traballos de prevención que se están executando no lugar de Outeiro Calvo, no concello de San Cibrao das Viñas, ao abeiro deste convenio asinado con Seaga
Explicou que nesta localidade realizaranse traballos de roza en algo máis de 25 hectáreas nas parroquias de Soutopenedo, Noalla, Rante e San Cibrao das Viñas
Lembrou que se axuda ás administracións locais con execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas e coa limpeza de 12 quilómetros de vías municipais; e aos propietarios das parroquias priorizadas, coa posibilidade de contratar a limpeza directamente a Seaga
San Cibrao das Viñas (Ourense), 11 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o seu apoio a propietarios e concellos a través do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado con Seaga, o cal está dotado cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que o anterior. Fíxoo mentres comprobaba os traballos de prevención que se están executando ao abeiro deste acordo no municipio de San Cibrao das Viñas, onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola alcaldesa da localidade, Marta Nóvoa.
Concretamente, a conselleira explicou que se está actuando no lugar de Outeiro Calvo, na parroquia de Soutopenedo, onde se prevé executar a limpeza de 4,6 hectáreas de faixas secundarias distribuídas en 91 parcelas. En total, no concello de San Cibrao das Viñas levaranse acabo actuacións en algo máis de 25 hectáreas, repartidas en 225 parcelas, noutras tres parroquias, que son as de Noalla, Rante e San Cibrao das Viñas. A conselleira salientou que estes traballos de prevención fronte aos lumes son unha “prioridade” para o Goberno galego. Por iso, este ano incrementouse un 50% o orzamento nesta materia, chegando a máis de 75 millóns de euros, dos cales 25 se destinan integramente para o desenvolvemento do convenio de xestión da biomasa.
Asemade, a titular de Medio Rural lembrou que manter limpas as faixas secundarias é responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e, se estes non cumpren coas súas obrigas, os responsables son os concellos, que deberán facelo de xeito subsidiario. Neste senso, resaltou que, a través deste convenio, axúdase ás administracións locais coa realización de execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano, fóra das parroquias priorizadas, e coa limpeza de 12 quilómetros de vías municipais; e aos propietarios, xa que aqueles que se atopen nunha parroquia priorizada poden contratar directamente a limpeza a Seaga.
Ademais, animou a todos os concellos que aínda non se adheriron ao convenio a facelo e destacou que 271 municipios xa o solicitaron, entre os que se inclúe o de San Cibrao das Viñas.