A Xunta colabora cos concellos de Boqueixón e O Pino na mellora do viario de Louredo ao aeroporto compostelán
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobou as melloras realizadas cunha achega autonómica de case 44.000 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros
A iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ao eido local e especialmente ás localidades de menor poboación para garantir o equilibrio territorial
Boqueixón (A Coruña), 13 de marzo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras realizadas co apoio da Xunta polos concellos de Boqueixón e O Pino no viario que vai de Louredo ao aeroporto de Santiago de Compostela. Través da Orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego destinou preto de 44.000 euros ás obras de pavimentación e limpeza de cunetas, presupostadas en máis de 62.000 euros.
Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é facilitarlles aos concellos o acondicionamento das vías públicas, coa correcta drenaxe das augas pluviais e garantir así a accesibilidade nas mellores condicións aos núcleos rurais da contorna. Nesta liña, Diego Calvo salientou que precisamente a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes “co obxectivo de garantir o equilibrio territorial e que a poboación galega teñan unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia”, apuntou.
As achegas concedidas a través desta orde poden cubrir ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O pasado ano esta medida permitiu impulsar 103 proxectos municipais en toda Galicia, 34 deles na provincia da Coruña.
Diego Calvo incidiu tamén no carácter prioritario que teñen os proxectos presentados de maneira conxunta por varios concellos, como foi o caso da proposta de Boqueixón e O Pino, xa que o feito de incentivar as diferentes fórmulas de xestión compartida na prestación dos servizos públicos permite promover unha xestión eficaz e eficiente, así como rendibilizar os recursos das administracións.
Apoio específico aos concellos
Ademais, lembrou que, a maiores da orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, que este exercicio aumenta o orzamento a 11,4 millóns de euros, ou a liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, cunha dotación que tamén medra en 2026 e ascende a 10 millóns de euros. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que segue subindo e chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.
O conxunto das medidas de apoio ao eido local permitiu o pasado ano impulsar preto dun milleiro de proxectos en toda Galicia promovidos por concellos ou por entidades veciñais. Neste marco de acción, o Goberno galego investiu nos últimos anos preto de 700.000 euros no Pino e máis dun millón de euros en Boqueixón.