A Xunta destaca que a campaña 2026 da PAC avanza a bo ritmo e crece en solicitudes con respecto a marzo de 2025
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural compareceu a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento para informar sobre esta cuestión e facer balance da xestión do Goberno galego nos últimos anos
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal salientou que desde o ano 2018 un total de 459 montes -que suman algo máis de 76.000 hectáreas- resolveron voluntariamente os seus convenios ou consorcios coa Administración
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias lembrou que nos últimos nove anos investíronse por parte da Xunta máis de 60 millóns de euros de fondos propios para fomentar a contratación de seguros agrarios na nosa comunidade
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
A xestión das axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes a 2026 avanza a bo ritmo e segue unha dinámica semellante á de anteriores campañas. Desta forma, en apenas mes e medio de tramitación desde que se publicou a convocatoria no Diario Oficial de Galicia (o pasado 20 de febreiro), recibíronse preto de 5.500 solicitudes, o que supón máis do dobre que na tempada pasada polas mesmas datas. Así o explicou esta mañá o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, na súa comparecencia a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento para informar sobre este asunto.
Cerviño destacou que está previsto xestionar arredor de 31.000 solicitudes dos agricultores e gandeiros galegos, por un importe total que superará os 220 millóns de euros. Advertiu ademais que o proceso de tramitación vólvese cada vez máis complexo, polo que quixo agradecer especialmente o esforzo que fai tanto o persoal do Fondo Galego de Garantía Agraria, Fogga (adscrito a Medio Rural), como o das entidades colaboradoras da Xunta á hora de administrar semellante volume de traballo.
Na súa intervención, o director xeral tamén aportou información arredor das campañas anteriores da PAC. Así, sobre a de 2025 indicou que Galicia é a comunidade autónoma que maior porcentaxe de importe pagado tiña realizado antes de finalizar o pasado ano, algo que se repite por segunda vez consecutiva, remarcou. Así, xa se tiñan pagado máis de 169 millóns de euros entre o anticipo da PAC, o pago do saldo de decembro e as axudas ás zonas con limitacións naturais, o que supón situarse a fins do 2025 cunha porcentaxe de execución de pagamentos dun 82%.
Pago final en prazo
Asemade, segundo sinalou Cerviño, na primeira quincena do vindeiro mes de maio, unha vez que o Fondo Español de Garantía Agraia (Fega) publique os datos pertinentes, a Xunta estará xa en disposición de lanzar os procesos de cálculo de expedientes para proceder ao pago final das axudas directas e das agroambientais antes do 30 de xuño, data establecida legalmente para completar este proceso. Desta forma, o último pagamento da campaña 2025 suporá un montante de entre 55 e 60 millóns de euros adicionais para o agro galego.
En relación co proxecto presentado pola Comisión Europea para o novo marco financeiro plurianual 2028-2034, a Xunta censura que na nova PAC non quedarán acoutadas as liñas de axuda que apoian o desenvolvemento rural e que contribúen á fixación de poboación no campo. Por iso, cómpre reiterar o firme compromiso do Goberno galego de seguir pelexando por conseguir unha PAC máis xusta, dotada economicamente e cunhas liñas de axuda garantidas para continuar a actividade agraria en Galicia.
Aposta polo fomento dos seguros agrarios
Por outra banda, en resposta a unha pregunta sobre o tema, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, informou nesta Comisión 7ª sobre as axudas para o fomento dos seguros agrarios. Balseiros destacou que a Xunta fai unha clara aposta por incentivar o aseguramento do sector agrogandeiro, especialmente no ámbito agrícola, no que menos pólizas se contratan. Así, desde o ano 2017 investíronse máis de 60 millóns de euros de fondos propios para fomentar a contratación dos seguros na nosa comunidade.
Ademais, o director xeral engadiu que só no 2025 contratáronse preto de 38.000 pólizas, que permitiron cubrir máis de 31.800 hectáreas e 40,8 millóns de animais para chegar a un capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros. A superficie, animais e capital non deixou de medrar nos últimos anos. De feito, a superficie duplicouse, xa que en 2017 había 14.200 hectáreas. Balseiros lembrou, así mesmo, que a convocatoria destas achegas para o 2026 publicouse recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG), cunha dotación de 9,5 millóns de euros.
A maiores, o director xeral respondeu outra cuestión arredor da xestión das axudas do seu departamento para as explotacións agrarias afectadas polos incendios do pasado ano. Así, indicou que xa están en tramitación uns 950 expedientes, que suman preto de 3,7 millóns de euros, e advertiu ademais que se van pagar todas as indemnización solicitadas que cumpran os requisitos e que as axudas son polo 100 % do valor de reposición dos bens danados.
Por último, Balseiros recordou que xa nos primeiros días dos lumes Medio Rural implementou un servizo de emerxencia -cun custo de máis de 800.000 euros- para proveer de alimentación ás gandarías afectadas, facilitándolles así toneladas de produto de balde en coordinación cos concellos.
Resolución voluntaria de convenios e consorcios forestais
Noutra orde cousas, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, respondeu tamén nesta Comisión 7ª unha pregunta sobre os contratos temporais de xestión pública. Así, salientou que desde o ano 2018 un total de 459 montes -que suman algo máis de 76.000 hectáreas- resolveron voluntariamente os seus convenios ou consorcios coa Administración e iniciaron unha nova etapa de xestión privada, na maioría dos casos con instrumentos de ordenación forestal e con certificación de xestión forestal sostible.
Nesta liña, Piñeiro trasladou que en 2025 había en Galicia 1.080 acordos deste tipo, a maioría asinados por comunidades de montes veciñais en man común, e que deles preto do 78 % (840) non presentaban ningún saldo debedor coa Administración. Isto significa -explicou a directora- que a gran maioría das comunidades teñen a súa situación económica regularizada e así só algo máis do 22 % delas teñen débedas, cuxo importe acumulado se sitúa arredor dos 3,2 millóns de euros.
Neste contexto, a directora xeral destacou tamén os avances tanto na ordenación como na certificación forestal do monte galego. Así, recordou que desde o 2018 a superficie forestal con instrumento de ordenación pasou de 117.000 a máis de medio millón de hectáreas a finais do ano pasado, superando deste xeito o obxectivo fixado no Plan Forestal para o ano 2035. Engadiu que Galicia está xa moi preto de acadar tamén as 500.000 hectáreas certificadas no sistema PEFC, o que sitúa a nosa comunidade entre os territorios europeos con maior grao de certificación.
Como conclusión, a directora xeral subliñou que todos estes datos demostran que a maioría das comunidades de montes non teñen débeda, que centos de montes xa rescindiron de xeito voluntario os seus convenios e que Galicia está a avanzar con paso firme cara un modelo forestal máis moderno, transparente e sustentable.