A Xunta salienta o papel das feiras gastronómicas no impulso dos produtos agroalimentarios galegos

O Incio (Lugo), 14 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta, celebrada no concello lucense do Incio, onde destacou o valor destas citas gastronómicas como ferramenta para promover os produtos agroalimentarios galegos e reforzar o consumo de proximidade e de quilómetro cero. 

Neste sentido, subliñou que iniciativas como esta contribúen a poñer en valor a produción agroalimentaria do territorio, ao tempo que actúan como punto de encontro social e como dinamizadoras da actividade económica e turística nas zonas rurais. Ademais, incidiu en que este evento permite visibilizar a calidade e diversidade dos produtos galegos, exemplificada nesta cita coa maridaxe do cocido de Porco Celta de Artesanía Alimentaria cos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha combinación que reforza a identidade gastronómica da zona e promove conxuntamente distintos produtos de calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2026