Arias participa na presentación da final da Copa do Rei Xuvenil, que se disputará o domingo no Anxo Carro

Lugo, 13 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na presentación do partido final da Copa do Rey Xuvenil, que se disputará o domingo no estadio Anxo Carro.

O encontro enfrontará ao Real Betis Balompié e ao FC Barcelona, que chegaron á final da competición tras superar nas semifinais ao RC Celta de Vigo e o RC Deportivo da Coruña, respectivamente. No acto estiveron tamén os adestradores e unha representación dos xogadores dos dous equipos finalistas.

Arias destacou a importancia de que Lugo fose elixida como escenario da final a catro da Copa do Rei Xuvenil, que esta semana “situou a cidade na primeira liña do fútbol estatal, co que isto supón de proxección en todo o país e tamén de dinamización da economía local, coa chegada dos equipos participantes e de numerosos afeccionados”.

O delegado referiuse ademais ás obras que a Xunta está a executar para a mellora e modernización do estadio Anxo Carro, “unha actuación que avanza, adaptándose ao calendario de partidos, e que suporá un salto cualitativo para a cidade, que poderá seguirse reivindicando como sede de encontros deportivos de primeiro nivel”. O Goberno galego destina 3,6 millóns de euros a estes traballos, que transformarán o complexo deportivo lucense mellorando a súa accesibilidade, funcionalidade e seguridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2026