Mantivo unha reunión esta semana con Bernardo Greiver del Hoyo

Rueda recibe ao novo embaixador do Uruguai en España e aposta por reforzar as relacións en materia de comercio e turismo

Case 300 empresas galegas exportan a este país cun volume de negocio de 20,5 M€ no 2025

Avaliaron os retos e oportunidades que ofrece o acordo entre a UE e Mercosur

Acordaron seguir colaborando para promover o Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro co novo embaixador do Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo, no que trasladou o interese do Goberno autonómico por reforzar as relacións comerciais, culturais e turísticas entre ambas rexións.

Na xuntanza, na que estivo acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avaliáronse as oportunidades que O Uruguai ofrece ao tecido empresarial galego, con 280 empresas que exportan a este país latinoamericano -máis dun cento de xeito regular- e cun volume de negocio de 20,5 millóns de euros no 2025.

Ademais, Rueda e o embaixador analizaron os retos que supón o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur para os principais sectores exportadores como a automoción, o agroalimentario, o biotecnolóxico ou o metalmecánico. Así mesmo, ambos abordaron o actual conflito entre o estaleiro vigués Cardama e o Goberno do Uruguai ante a decisión deste último de rescindir de xeito unilateral o contrato para a construción de dúas patrulleiras.

O presidente e o embaixador acordaron tamén seguir colaborando en materia de turismo co obxectivo de promover especialmente as rutas xacobeas neste país. Nesta liña, está previsto celebrar este ano a Semana do Camiño no Uruguai que incluirá exposicións de fotografías ou unha mostra de cine vencellado a esta ruta de peregrinación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2026