Medio Rural destaca o papel da gandaría extensiva na xestión do territorio e na prevención dos incendios

A conselleira María José Gómez reuniuse este mediodía con representantes da Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (Movegandex)

Reafirmou o apoio da Xunta a esta gandaría, con iniciativas como o plan de pastos, o fomento das razas autóctonas galegas, a escola de pastores ou o matadoiro móbil

Puxo en valor a importante función que desenvolven as arredor de 3.000 comunidades de montes de Galicia á hora de coidar e xestionar máis de 660.000 hectáreas de territorio forestal

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o papel que desempeña a gandaría extensiva na xestión do territorio e, especialmente, en materia de control da biomasa na prevención fronte os incendios forestais. A titular de Medio Rural, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; reuniuse este mediodía en San Caetano con representantes da Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (Movegandex).

No encontro, Gómez reafirmou o compromiso de apoio da Xunta á gandaría en extensivo, con iniciativas como o plan de pastos, o fomento das razas autóctonas galegas, a escola de pastores ou o matadoiro móbil, entre outras. Tamén, puxo de relevo a importante función que desenvolven as arredor de 3.000 comunidades de montes que hai en Galicia, na medida en que se encargan de coidar e xestionar máis de 660.000 hectáreas de territorio forestal e constitúen un modelo de propiedade comunitaria orixinal e case único dentro de España.

Neste sentido, reiterou tamén que o Goberno galego segue apostando polo asociacionismo forestal como medio para optimizar o seu aproveitamento e favorecer a xestión, mediante figuras como as agrupacións forestais de xestión conxunta, entre outras medidas. Cómpre salientar que a Consellería do Medio Rural xa publicou unha nova convocatoria destas achegas, dotada cun orzamento de 2,1 millóns de euros para esta anualidade e a de 2027, o que representa un incremento orzamentario do 50 % en relación coa convocatoria anterior.

No caso concreto desta asociación Movegandex, Gómez subliñou o seu labor no impulso á xestión sustentable do monte, mediante a recuperación do pastoreo tradicional como forma de poñer en valor esa riqueza natural, protexer e mellorar os solos e propiciar a conservación da biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2026