A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou esta intervención integral no viario

Allegue presenta en Lugo a actuación para transformar a rúa de Serra de Meira, na que a Xunta investirá 1,1 M€

A Xunta asumirá o custe desta actuación integral de mellora deste viario municipal, coa renovación do firme, a dotación de novas beirarrúas e a completa renovación dos servizos urbanos entre outras intervencións

Ademais, para coidar a integración paisaxística da rúa co parque do Sagrado Corazón e a contorna próxima, plantarase novo arborado. Os traballos completaranse coa instalación de dúas novas marquesiñas de autobús

Allegue sinalou que a actuación se enmarca “na necesaria colaboración que temos que ter as administracións” 

Destacou que trala aprobación por parte do Consello da Xunta do convenio o pasado 22 de decembro, queda agora a sinatura por parte do Concello para continuar avanzando nesta actuación e poder licitar as obras coa maior axilidade

Lugo, 17 de marzo de 2026

Allegue presenta en Lugo a actuación de renovación integral da rúa Serra de Meira, que transformará este viario municipal e na que a Xunta investirá un orzamento de 1,1M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que esta intervención se enmarca “na necesaria colaboración que temos que ter as administracións”.

Allegue lembrou que se trata dunha actuación moi esperada, na que a Xunta sempre tivo vontade de actuar, e recordou que o proxecto inicial estivo en suspenso tras o informe desfavorable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.  Posteriormente, tras as obras realizadas no ano 2024 pola Confederación e Concello necesarias para poder retomar esta actuación, a Xunta abordou a actualización do proxecto, cuxo deseño foi configurado de forma consensuada en diferentes reunións técnicas celebradas ao longo do pasado ano entre a Administración autonómica e a local.

A conselleira lembrou que presentou ao alcalde o proxecto e a proposta de convenio en outubro do pasado ano, e destacou que do investimento inicial estimado en ao redor de 400.000€ pasouse a 1,1M€, para incluír máis intervencións de mellora neste viario que é de titularidade municipal.

A Administración autonómica aprobou o convenio no Consello da Xunta do 22 de decembro, pendente agora da sinatura por parte do Concello para que a Administración local poña a disposición os terreos “e poidamos licitar as obras e que sexan unha realidade canto antes”.

Allegue puxo en valor a actuación na rúa Serra de Meira, “que vai supoñer un antes e un despois” neste viario, cunha actuación integral para acadar un espazo máis funcional, cunha mobilidade máis segura e mellor integrado na súa contorna.

As intervencións

A mellora abranguerá o treito desde a glorieta de Serra de Meira ata a glorieta da avenida Adolfo Suárez para mellorar a rúa e a súa imaxe urbana. Así, o proxecto contempla a mellora do viario, incluíndo a renovación do firme, así como a dotación de novas beirarrúas e pavimentación de itinerarios peonís. Actualizaranse ademais todos os servizos (saneamento, abastecemento de auga, electricidade, telefonía), e instalarase novo alumeado e mobiliario urbano.

Ademais, para coidar a integración paisaxística da rúa co parque do Sagrado Corazón e a contorna próxima, plantarase novo arborado. Os traballos completaranse coa instalación de dúas novas marquesiñas de autobús.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026