A Xunta presenta en Ponteareas os documentos técnicos sobre prevención de riscos laborais asociados aos traballos nas adegas

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou en Ponteareas nunha xornada co alumnado do ciclo de grao superior de Vitivinicultura do CIFP A Granxa sobre prevención dos riscos laborais asociados aos traballos nas adegas

Nela presentouse a documentación técnica elaborada polo persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e denominada Os Actúa do Issga

Con esta información búscase que as persoas traballadoras e as que se están formando identifiquen de forma sinxela os riscos aos que se enfrontan a diario e as medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas

Estas accións enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que, con preto de 56 M€ de investimento, marca a folla de ruta a medio prazo, que se concreta cada ano no plan anual do Issga

Ponteareas (Pontevedra), 17 de marzo de 2026

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Ponteareas nunha xornada co alumnado do ciclo de grao superior de Vitivinicultura do CIFP A Granxa centrada na prevención dos riscos laborais asociados aos traballos nas adegas. Nela presentouse e entregouse a documentación técnica elaborada polo persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e denominada Os Actúa do Issga. Prevención de riscos na adega, que se distribuirá aos principais axentes do sector e que tamén está dispoñible na web do Issga.

Con ela búscase facer facilmente accesibles e comprensibles os tipos riscos e as medidas preventivas para as persoas traballadoras e as que se están formando para incorporarse a o mercado laboral neste sector. Nesta documentación poden identificar os lugares e as tarefas habituais para eles, así como os equipos e máquinas que empregan a diario, co fin de coñecer e evitar os riscos laborais aos que se enfrontan e mellorar as condicións de traballo das persoas empregadas nese sector.

Neste sentido, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais explicou que se trata dunha acción dirixida ás empresas e persoal das adegas das cinco denominacións de orixe do viño galegas (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e Monterrei) e das cinco indicacións xeográficas protexidas (Viño da Terra de Barbanza e Iria, Viño da Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Terras do Navia), así como aos colectivos do sector do viño non incluídos nestas DO e IXP e ás futuras persoas traballadoras deste eido.

Detalles da documentación

No documento Actúa do Issga. Prevención de riscos na adega recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas, que comprenden desde a recepción da uva na vendima, ata a saída do viño da adega. Así mesmo, recolle os riscos relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, así como os riscos do ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e a manipulación manual de cargas. Tamén se abordan aspectos transversais como a perspectiva de xénero, as medidas de emerxencia, os primeiros auxilios ou a utilización de EPIs.

Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

O secretario xeral destacou que estas accións enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que, con preto de 56 M€ de investimento, marca a folla de ruta a medio prazo, que se concreta cada ano no plan anual do Issga. Este documento pon o foco, entre outras cuestións, en campañas de prevención, formación e asesoramento técnico nos sectores e actividades de maior risco e sinistralidade, así como medidas relacionadas con riscos emerxentes, saúde integral das persoas traballadoras, benestar laboral e seguridade viaria.

No caso do sector vitivinícola, Pablo Fernández sinalou que cómpre especial atención pola súa relevancia económica vertebradora do territorio, tanto á hora de prestar asesoramento técnico a empresas, como de promover a prevención de riscos laborais, elaborar documentación técnica e ou realizar diversas actividades formativas e informativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026