Medio Rural leva a cabo tarefas de prevención en preto de 200 hectáreas e en 20 kms de pistas no distrito forestal A Fonsagrada – Os Ancares
A conselleira do Medio Rural comprobou hoxe o resultado das actuacións preventivas realizadas no concello de Baralla
Nas vindeiras semanas farase pública a nova actualización do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga)
Destacou que este tipo de traballos son de “vital importancia” para previr os incendios forestais, unha cuestión que indicou é unha “prioridade” para o Goberno galego
Baralla (Lugo), 17 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comprobou hoxe o resultado das actuacións en materia de prevención realizadas no concello de Baralla. En concreto, destacou que no distrito forestal VII A Fonsagrada – Os Ancares leváronse a cabo tarefas preventivas en preto de 200 hectáreas e na mellora de algo máis de 20 quilómetros de pistas. En concreto, explicou que se executaron actuacións de prevención en case 160 hectáreas de faixas auxiliares e en 40 de cortalumes.
A conselleira sinalou que o persoal do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta leva a cabo actuacións preventivas de todo o tipo en cada un dos 19 distritos forestais da nosa comunidade. Neste sentido, lembrou que realizan labores en faixas auxiliares, cortalumes, pistas, tratamentos silvícolas preventivos, queimas prescritas ou a inspección e mellora de puntos de auga, entre outros.
Gómez resaltou que todos estes traballos son de “vital importancia” para previr os incendios forestais, unha cuestión que indicou é unha “prioridade” para o Goberno galego. Por iso, destacou o incremento nun 50% do orzamento en prevención para este ano, que chega ata máis de 75 millóns de euros.
Neste contexto, nas vindeiras semanas farase pública a nova actualización do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), na que se recollen, entre outras moitas cuestións, os obxectivos do plan preventivo.
Ademais, tamén neste ámbito, puxo en valor o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que no convenio anterior. Explicou que a través desta colaboración préstase apoio a localidades e propietarios para realizar estas tarefas e cumprir así as súas obrigas por lei.
Novamente, animou a todos os que aínda non o fixeron, a adherirse a este convenio. Actualmente xa solicitaron a súa incorporación 271 municipios, entre os cales se atopa Baralla.