Medio Rural aborda coa Asociación Agraria de Galicia os reforzos nos controis diante da situación do lácteo

María José Gómez mantivo un encontro con responsables de Asaga, nun contexto de renovación de contratos e caracterizado, ademais, pola entrada en España de excedentes de leite da UE a baixo prezo e polo aumento dos custos de produción

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos a favor da colaboración entre os axentes da cadea de valor do leite para traballar na sustentabilidade do sector

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), encabezados polo seu presidente, Francisco Bello. A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que está a manter a responsable autonómica co sector para avaliar a situación do sector lácteo e explicar o reforzo de controis que está levando a cabo a Xunta. Así, Gómez entrevistouse días atrás con Unións Agrarias e con portavoces da industria e esta mesma semana manterá tamén un encontro coa distribución, así como cos demais representantes dos produtores.

Estes contactos enmárcanse na liña de traballo a prol da unión, o entendemento e a colaboración entre os diferentes axentes da cadea de valor do leite, con vistas a garantir a súa sustentabilidade, nun contexto marcado pola renovación de contratos entre industria e gandeiros e tamén caracterizado pola entrada en España de excedentes de leite da Unión Europea a baixo prezo, así como polo incremento dos custes de produción derivados do conflito bélico en Oriente Medio.

Neste sentido, a Xunta está a intensificar os controis para vixiar que o proceso de sinatura de novos contratos respecte escrupulosamente a lexislación vixente e ademais para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos no etiquetado en relación coa súa orixe, entre outras medidas.  Na mesma liña, demándase ao Goberno central que faga cumprir a lei da cadea alimentaria e que actúe fronte á posible competencia desleal deses excedentes, mediante a activación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2026