María José Gómez continúa cos contactos cos axentes do sector lácteo e reclama garantir a sustentabilidade dos produtores

A conselleira do Medio Rural reuniuse con representantes de Agromuralla, con quen avaliou a situación deste eido produtivo ante a renovación dos contratos do leite e o aumento dos custes de produción deirvado do conflito en Oriente Medio

Gómez volveu apelar á responsabilidade da industria láctea e insistiu en que as reducións nos prezos ofrecidos aos gandeiros non están xustificadas

Lembrou tamén que por parte do Goberno galego estase a actuar xa nesta materia, coa vixilancia dos contratos que se asinarán proximamente, así como cun reforzo nos controis sobre a orixe, cuestións que a conselleira solicitou tratar co ministro Planas

Lugo, 23 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse con representantes da asociación gandeira Agromuralla. Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a manter a titular deste departamento para avaliar a situación do sector lácteo, tendo en conta o actual escenario de renovación de contratos do leite e o aumento dos custes de produción derivados do conflito en Oriente Medio. Así, conselleira incidiu na importancia de manter a sustentabilidade dos produtores nun contexto destas características. 

Neste sentido, Gómez volveu apelar á responsabilidade da industria láctea e insistiu en que as reducións nos prezos ofrecidos aos gandeiros non están xustificadas. Lembrou que por parte do Goberno galego estase a actuar xa nesta materia, coa vixilancia sobre os contratos que se asinarán proximamente para verificar que cumpren o disposto na normativa vixente.

Do mesmo xeito, están a deseñarse novos controis para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos na súa etiquetaxe. Este reforzo da vixilancia é froito das denuncias realizadas polo sector no referente a unha posible entrada de excedentes de leite doutros países da UE e baixo prezo. 

Neste contexto, a Consellería do Medio Rural reclama ao Goberno central a inspección exhaustiva dos contratos do leite, a través da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), co fin de garantir o cumprimento da Lei da cadea alimentaria. Tamén se solicita a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para avaliar unha posible competencia desleal. Cabe sinalar que xa foi solicitada unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para abordar estas cuestións, así como outros de interese para o sector primario galego. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2026