O Servizo Galego de Saúde publica a adxudicación de destino definitivo en diversas categorías de persoal de xestión e servizos

Resultan nomeados 12 profesionais nas categorías do grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais e celador

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos  aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nas categorías do grupo auxiliar da función administrativa e persoal de servizos xerais, procesos selectivos convocados polas resolucións do 15 de decembro de 2022.

Do mesmo xeito, tamén se publica a resolución pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de celador, convocado pola resolución do 26 de decembro de 2022.

No concurso-oposición resultaron nomeadas 11 persoas coma persoal estatutario fixo, das que 8 corresponden á categoría do grupo auxiliar da función administrativa e 3 á categoría de persoal de servizos xerais. Hai que destacar que das tres prazas que foron adxudicadas na categoría de persoal de servizos xerais, unha delas pertence ás prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, resultou nomeada 1 persoa da categoría de celador, que terá como destino a área sanitaria da Coruña e Cee.

No caso do grupo auxiliar da función administrativa a distribución dos profesionais e destino será:  3 para a área sanitaria da Coruña e Cee, 2 para a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 2 para  área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e 1 para Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios.

No caso da categoría de persoal de servizos xerais, 1 profesional terá como destino a área sanitaria da Coruña e Cee, 1 a área de Santiago de Compostela e Barbanza e 1 para Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios.

Este é o terceiro proceso de nomeamento como persoal estatutario fixo e adxudicación de destino definitivo nestas categorías estatutarias sobre a base 10.4 das resolucións de convocatoria. Esta prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, desde o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. Este prazo finalizará o vindeiro 24 de abril de 2026.

Os aspirantes  poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 24/03/2026