A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á sinatura do acordo entre o Concello, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Administración autonómica

Lorenzana destaca o papel crucial da Xunta de Galicia para a posta en marcha do futuro parque empresarial da Cañiza

Cualifica este proxecto como “unha mostra de colaboración administrativa” que vai permitir dotar unha zona “moi ben posicionada desde o punto de vista loxístico” de máis de 846.000 m² de solo industrial á disposición das empresas

A Xunta de Galicia contribuíu modificando a Lei de Áreas Empresariais de Galicia -a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos Orzamentos deste ano- para facilitar que unha entidade do sector público estatal poida desenvolver unha área empresarial non prevista no plan sectorial unha vez sexa declarado o seu interese autonómico

A Cañiza (Pontevedra), 24 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde da Cañiza (Pontevedra), Luis Antonio Gómez Piña, e o delegado especial do Estado para o Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV), David Regades, onde se recollen as bases para construír un novo parque empresarial neste municipio pontevedrés.

Acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, Lorenzana cualificou este proxecto como “unha mostra de colaboración administrativa” que vai permitir dotar unha zona “moi ben posicionada desde o punto de vista loxístico” de máis de 846.000 m² de solo industrial á disposición das empresas.

Segundo explicou, o que fixo a Xunta de Galicia foi abrir unha vía administrativa modificando a Lei de Áreas Empresariais de Galicia -a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos Orzamentos deste ano-, para facer posible que unha entidade do sector público estatal, como o Consorcio Zona Franca de Vigo, poida promover directamente un Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) sempre e cando sexa declarado previamente o interese autonómico polo Consello da Xunta. Unha vez sexa así, esta modificación lexislativa tamén vai permitir aplicar a tramitación de urxencia e reducir os prazos á metade.

Segundo o convenio asinado hoxe, as partes acordan, polo tanto, iniciar a tramitación do Peose, a través da Consellería de Economía e Industria, para desenvolver este parque empresarial, que será promovido e financiado polo Consorcio Zona Franca de Vigo. E tamén solicitar a declaración de interese autonómico desta infraestrutura. Tanto o Concello da Cañiza como o CZFV teñen un prazo de dous anos para formalizar o acordo.

“A Xunta de Galicia tiña que estar aí”, concluíu a conselleira, que considerou este proxecto unha moi boa nova para A Cañiza e a provincia de Pontevedra, para Vigo e a súa área de influencia e para a propia Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026