A Xunta gaba á industria galega pola súa capacidade para posicionarase nun sector global e altamente competitivo como o aeroespacial

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, clausura en Vigo a cuarta edición do New Space España 2026, o congreso de referencia do sector a nivel estatal

Lembra que aínda permanece aberto o prazo da convocatoria dos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia

Vigo, 25 de setembro de 2026

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou esta mañá en Vigo as capacidades do tecido empresarial galego para posicionarse nunha industria global a altamente competitiva como é a aeroespacial. “Una industria estratéxica e cun enorme potencial de crecemento – engadiu – na que Galicia ten moito que dicir”.

Ardao participou esta mañá na clausura da cuarta edición do congreso New Space España 2026, no que participaron máis dun centenar de empresas do sector, ás que lembrou a aposta da Administración galega por impulsar, apoiar e acompañar a aquelas que decidan incorporarse nestes novos nichos de mercado a través da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda).

A directora xeral aproveitou para apuntar que precisamente no marco da iesda, o Goberno galego lanzou unha convocatoria para seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para o desenvolvemento de tecnoloxías duais nos ámbitos da seguridade, a defensa e o aeroespazo. A iniciativa, que se desenvolverá a través da fórmula da Compra Pública Precomercial, terá unha partida inicial de 40 millóns de euros e mantén aberto o prazo para presentar solicitudes de participación ata o 30 de setembro.

“Queremos seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos cos que desenvolver en Galicia tecnoloxías duais para o sector da seguridade e a defensa – insistiu Margarita Ardao – e queremos que o coñecemento quede no territorio, que as empresas galegas entren nas cadeas de subministración e que cada investimento deixe detrás capacidade produtiva permanente”.

Finalmente, aproveitou para agradecer aos organizadores do congreso “o traballo enorme e ter convertido a Galicia estes días na capital do espazo en España”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026