Javier Arias traslada o apoio da Xunta ás xogadoras do Ensino antes da súa participación na Copa da Raíña en Tarragona

Lugo, 24 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe o último adestramento do Ensino antes do desprazamento das xogadoras a Tarragona para participar na Copa da Raíña, que se disputará do xoves 26 ao domingo 29 de marzo. O xoves, as lucenses mediranse co Valencia Basket nun dos enfrontamentos de cuartos de final.

Arias desexoulles ás deportistas “moita sorte e forza para demostrar o gran equipo que sodes”, e subliñou a “ilusión que supón tervos como representantes de Lugo na elite do baloncesto feminino nacional”.

Ademais, o equipo infantil do Ensino tamén estará presente na Minicopa, un torneo que se disputa paralelamente á Copa e que reúne aos conxuntos infantís dos clubs que compiten na Liga Femenina Endesa.

O delegado destacou que a Xunta mantén varias liñas de colaboración co Ensino, que o ano pasado recibiu 156.800 euros de apoio autonómico. Os fondos proceden de senllos contratos de patrocinio asinados coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e coa Axencia de Turismo de Galicia; as achegas aos equipos femininos que compiten na máxima categoría a nivel nacional; e a orde de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte para axudar aos clubs cos gastos de organización das súas actividades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026