O presidente da Xunta respondeu no Pleno do Parlamento de Galicia as preguntas dos grupos parlamentarios
Rueda anuncia que a Xunta destinará un total de 270 M€ a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade
Sinala que o vindeiro Consello do Goberno galego autorizará un plan de máis de 150 M€ que se sumará aos máis de 120 M€ que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central
Destaca que a sanidade pública galega vai introducir unha nova vacina fronte ao meningococo B que se administrará aos adolescentes cando cumpran 12 anos
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará un total de 270 M€ a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas “os primeiros impactos” e que Galicia foi “a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres”.
Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará “un plan de máis de 150 M€” para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 M€ que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
Este plan conterá “todo aquilo que sexa preciso entre as posibilidades orzamentarias” para, entre outros, facilitar circulante ás empresas que traballan con Oriente Medio, resolver as peticións nun prazo de 10 días, resolver con urxencia axudas de inclusión social ou axudar con celeridade tanto ao sector agrícola como marítimo.
Vacinación infantil
Tamén durante a súa intervención, Rueda sinalou que o nivel de satisfacción coa sanidade pública galega está “por enriba da media nacional” e que, en vacinación infantil, a nosa comunidade “vai seguir sendo pioneira” a nivel mundial.
Neste sentido, anunciou que Galicia, que xa incorpora dúas vacinas contra a meninxite, vai introducir unha nova vacina fronte ao meningococo B que se administrará aos adolescentes cando cumpran 12 anos.