Medio Rural entrega en Sanxenxo máis de 1.400 árbores autóctonas para plantar en faixas secundarias e contribuír á prevención de incendios arredor das aldeas
A conselleira María José Gómez asistiu hoxe a esta primeira cesión de frondosas feita ao abeiro deste convenio de colaboración entre a Consellería e a empresa pública Seaga, que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior
Estas plantas contribuirán a crear unha franxa natural fronte os incendios forestais, ao tempo que permiten espazar os traballos de roza no tempo e impiden a proliferación doutras especies
Gómez lembrou tamén que a xestión da biomasa nas faixas secundarias é unha obriga dos propietarios e, se estes non cumpren, a responsabilidade é dos concellos, que deberán executar esta tarefa de xeito subsidiario
Sanxenxo (Pontevedra), 25 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, participou hoxe na entrega de máis de 1.400 árbores autóctonas ao municipio pontevedrés de Sanxenxo, que contribuirán á prevención de incendios forestais e á protección das aldeas. Esta entrega encádrase no sistema público de xestión da biomasa das faixas secundarias, esa franxa de 50 metros que rodea os núcleos de poboación. Trátase da primeira cesión de plantas que se fai ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e empresa pública Seaga, asinado a finais do ano pasado, e que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior.
En concreto, son nogueiras, abeleiras, castiñeiros, cerdeiras e carballos, todas elas especies permitidas nas faixas secundarias. O Concello será o encargado de repartilas entre os propietarios das parcelas que se sitúen nestas zonas. Segundo explicou a conselleira, estas árbores contribúen a crear unha franxa natural fronte os incendios forestais, ao tempo que fan que os traballos de xestión da biomasa poidan espazarse máis no tempo e impiden a proliferación doutras especies non permitidas.
María José Gómez lembrou tamén que o mantemento destas áreas é unha obriga dos propietarios e, se estes non cumpren, a responsabilidade é dos concellos, que deberán executar esta tarefa de xeito subsidiario. Neste contexto, a Xunta puxo en marcha o convenio de xestión da biomasa, a través do cal se lle presta axuda ás administracións locais e aos titulares das fincas para que poidan desenvolver estes traballos, “porque a prevención é cousa de todos”, asegurou a titular de Medio Rural.
284 concellos adheridos
A través desta iniciativa, a Consellería apoia aos municipios mediante a cesión destas frondosas, coa realización das execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas -por concello e ano- fóra das parroquias priorizadas e coa limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Colabórase tamén coa elaboración das notificacións aos particulares e co plan de prevención municipal. A maiores, os propietarios cuxas parcelas se atopen en parroquias priorizadas poden contratar os traballos de roza a Seaga.
Actualmente hai xa 284 concellos adheridos a este convenio. Cómpre lembrar que, aínda que a posibilidade de adhesión ao convenio está aberta en todo momento, o prazo aconsellable para incorporarse era ata o 21 deste mes, co fin de poder planificar as actuacións. Agora, estes municipios deben remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas no seu territorio antes do vindeiro martes 31 de marzo.
Xa para finalizar, a conselleira reafirmou o compromiso do Goberno autonómico pola prevención de incendios forestais que, asegurou, “é unha prioridade”. Así o reflicte o incremento do orzamento nesta materia, que ascende ata os 75,38 millóns de euros en 2026, un 50 % máis que no exercicio anterior.