A Xunta contribúe ao fomento do deporte na poboación escolar co apoio ás melloras levadas a cabo no pavillón do CEIP Fontes-Baíña de Baiona

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu á inauguración das obras de reparación do edificio, financiadas con apoio do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para actuacións de carácter estratéxico

Os traballos realizados forman parte do proxecto do concello co obxectivo de mellorar as infraestruturas deportivas municipais, o que inclúe tamén outras obras no pavillón polideportivo municipal

A iniciativa intégrase na vintena de proxectos beneficiarios ao abeiro destas achegas en 2024, aos que se suman case outra vintena o ano pasado

Na convocatoria prevista para este ano o orzamento incrementarase ata os 10M€

Baiona (Pontevedra), 26 de marzo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe en Baiona á inauguración das obras de mellora do pavillón polideportivo do CEIP Fontes-Baíña, apoiadas pola Xunta no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións de carácter estratéxico. Neste caso, como lembrou o conselleiro, o Goberno galego destinou 380.000 euros para a mellora das instalacións deportivas municipais, a metade do investimento total.

Esta contía permitiu apoiar tanto as obras neste pavillón do CEIP Fontes-Baíña como no pavillón municipal polideportivo, actuacións promovidas polo municipio co obxectivo de fomentar o deporte e a vida saudable, sobre todo en idade escolar.

Diego Calvo comprobou as reparacións levadas a cabo na fachada e no interior do edificio do CEIP Fontes-Baíña e na prolongación da cuberta para a protección contra o vento e a chuvia, así como os novos aseos e vestiarios construídos. Tamén se actuou para permitir a conexión a cuberto do alumnado entre as aulas, o pavillón e o ximnasio do centro docente, ao mesmo tempo que se facilitou a conexión directa entre a pista polideportiva -da que ademais se mellorou o acceso para persoas con mobilidade reducida- e o ximnasio. Segundo explicou o conselleiro, a Xunta mantén un compromiso firme con iniciativas deste tipo que permiten levar a cabo ás entidades locais os seus proxectos, e ao mesmo tempo, axudan a promover hábitos saudables entre os nenos e nenas.

Esta actuación no CEIP Fontes-Baíña, xunto coa executada no pavillón municipal polideportivo, forma parte da vintena de actuacións de carácter estratéxico apoiadas pola Xunta na convocatoria de 2024. O ano pasado financiouse case outra vintena de proxectos  centrados en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais. En cada unha das dúas anualidades, o orzamento superou os 8 millóns de euros e na convocatoria prevista para este 2026 a contía incrementarase ata os 10 millóns de euros.

Como aclarou o conselleiro, as iniciativas apoiadas a través destas achegas son fundamentais para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e cunha repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal. Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona, así como os que desenvolvan investimentos en infraestruturas previstas nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.

No caso dos traballos realizados no pavillón do CEIP Fontes-Baíña, Diego Calvo fixo referencia precisamente á súa repercusión no ámbito supramunicipal ao apostar polo desenvolvemento económico e social a través de investimentos en infraestruturas deportivas en toda a comarca, xa que as obras forman parte do Plan de Acción da Axenda Urbana da Área Funcional do Val Miñor, unha colaboración estratéxica entre os municipios de Baiona, Nigrán e Gondomar.

As achegas nas infraestruturas deportivas de Baiona súmanse aos máis de 1,4 millóns de euros investidos pola Xunta no concello nos últimos anos a través das diferentes medidas e liñas de axudas de apoio ao eido local.

Nesta liña, o conselleiro de Presidencia puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de axudas que permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos mediante as distintas liñas específicas. Trátase da liña de apoio do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinado a proxectos estratéxicos como o visitado hoxe (máis de 8,2 millóns en 2025), da dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes do fondo adicional do FCL, dotada con 5 millóns de euros, así como a Orde de Infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros), o Fondo de Compensación Ambiental (máis de 11 millóns), e as ordes plurianuais  2024-2025 e 2025-2026 de axudas de mellora de eficiencia enerxética en concellos de menos de 30.000 habitantes cofinanciadas con fondos Feder e cunha dotación de 10,3 millóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2026