Román Rodríguez destaca a mellora do colexio de Coles tras investir a Xunta máis de 241.000€ en obras
O conselleiro de Educación visita o centro para supervisar o resultado da intervención, que supuxo renovar 1.259 m² neste centro
Salienta un investimento de máis de 58 M€ en 689 actuacións nos centros da provincia de Ourense no marco do no Plan de nova arquitectura pedagóxica
Coles (Ourense), 26 de marzo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Público Integrado Antonio Faílde, no concello ourensán de Coles, onde supervisou o resultado das obras realizadas pola Xunta cun investimento de máis de 241.000€. O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou a mellora xeral na accesibilidade do centro grazas a esta actuación, que se enmarca no Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Tal e como explicou o conselleiro, a intervención supuxo actuar sobre un total de 1.259 m² no patio e espazos exteriores do centro, así como no edificio de Educación Secundaria Obrigatoria máis recente e nos vestiarios. No caso das zonas exteriores, habilitáronse ramplas de acceso para eliminar as barreiras arquitectónicas tanto no patio como na pista polideportiva. Ademais, mudouse o pavimento danado e colocouse unha nova cubrición con estrutura metálica no patio, así como unha nova malla de peche na pista, entre outras melloras.
No edificio da ESO habilitouse un novo espazo para zona de xogos, aberto ao exterior pero cuberto, e reformouse o almacén para destinalo a zona para gardar libros; mentres que nos vestiarios se acometeu unha reforma completa nos de alumnado e profesorado e unha redistribución de espazos nos do persoal de cociña.
A maiores, reparouse a malla de peche exterior do centro e acometéronse outras melloras, como a adecuación do aseo existente na zona de cociñas ou a reforma das escaleiras entre os dous edificios de ESO.
Román Rodríguez reiterou o compromiso da Xunta coa renovación e modernización das instalacións educativas da provincia de Ourense, cun investimento de máis de 58,2 M€ en 689 actuacións ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Neste sentido, destacou que, neste momento, están en execución obras tan destacadas como as ampliacións do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,9 M€) e do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar, 1,9 M€).