A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, xunto co xerente da área lucense, Ramón Ares, participou no acto de recoñecemento aos profesionais que se xubilaron durante o ano 2025
O Servizo Galego de Saúde homenaxea 210 profesionais xubilados da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos tras unha carreira de compromiso cos pacientes
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria sitúa o capital humano como a base da sanidade pública
Lugo, 26 de marzo de 2026
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, resaltou hoxe o compromiso cos pacientes dos 210 profesionais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos que chegaron á xubilación ao longo do ano 2025.
O salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti acolleu hoxe un acto de homenaxe a estes profesionais no que participou tamén o xerente da área sanitaria luguesa, Ramón Ares, e no que se puxo en valor a importancia do capital humano para a calidade da atención no sistema sanitario público. A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria destacou a proximidade e a capacidade de adaptación do seu traballo para chegar a cada paciente.
Sofía López, quen lembrou a súa traxectoria como médico de familia na área sanitaria e na cidade de Lugo, fixo un repaso aos avances rexistrados nos últimos anos. Así, destacou a calidade da atención ás persoas maiores ou a recente posta en marcha da primeira Neuroescola de Galicia e segunda de España, colocándose á vangarda no tratamento da epilepsia.
"Detrás de cada avance, de cada mellora e de cada logro, sempre estades vós”, remarcou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria nas súas palabras ante o persoal xubilado.
Nese sentido, referiuse á sanidade pública como “un gran patrimonio colectivo que ten a súa base máis sólida no capital humano, nas persoas que lle dan sentido cada día”.