Medio Rural esixe ao Ministerio de Agricultura un maior compromiso co lácteo e a mellora da Lei da cadea alimentaria para determinar os custos de produción
A conselleira María José Gómez participou por videoconferencia nas reunións da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e dos Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios
Nesta xuntanza demandou ao ministro Planas unha modificación da Lei estatal para concretar os umbrais dos custos de produción dos gandeiros e asegurar así que os contratos cumpran coa normativa e non se fixe o prezo aos gandeiros por baixo deles
Lembrou que a Xunta, pola súa parte, está reforzando os controis para verificar que se cumpre a lexislación na sinatura dos contratos e para vixiar que leite está entrando doutros países europeos e como se vende despois nos lineais
Puxo de relevo a rolda de contactos que está a manter a Consellería con todos os axentes do sector nas últimas semanas, para propiciar un entendemento entre eles en favor da sustentabilidade deste eido produtivo clave do rural galego
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, esixiu hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) un maior compromiso a prol do sector lácteo e tamén que mellore a Lei estatal da cadea alimentaria para introducir nela os umbrais que acrediten os custos de produción e asegurar así que os contratos cumpran coa normativa e non se fixe o prezo aos gandeiros por debaixo destes custos.
A titular de Medio Rural fixo estas demandas ao propio ministro Luis Planas, no marco das reunións da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e dos Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, nas que participou por videoconferencia.
Así, Gómez reclamou ao ministro unha maior implicación para facer fronte á situación actual do sector lácteo, marcada polo incremento dos custos de produción e pola redución do prezo nos contratos, cuestións que dificultan a viabilidade das explotacións. Pediulle que sexa “contundente” diante de baixadas tan pronunciadas da industria aos gandeiros que supoñen case o 20 % con respecto aos vixentes ata o de agora e volveu denunciar a “deslealdade” da industria nesta cuestión.
Concretar os custos de produción
En particular, a conselleira instou ao MAPA a modificar a devandita Lei estatal da cadea no sentido de concretar os rangos dos custos de produción dos gandeiros e reiterou que para iso pode mesmo aproveitar a aplicación informática desenvolta desde Galicia (a Conta Láctea), de forma que sirva como medio de proba.
Trátase de fixar eses umbrais para evitar a venda a perdas, de forma que o prezo cubra efectivamente os custos de produción máis unha marxe de beneficio, como ocorre en calquera outra actividade económica, subliñou Gómez, quen lembrou que a Xunta levaba xa tempo demandando unha reunión urxente co ministro para tratar este e outros temas de interese para o sector, sen obter resposta algunha, algo que lamentou.
Na mesma liña, a titular de Medio Rural volveu insistir na necesidade de que a Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), adscrita ao MAPA, actúe neste eido de xeito contundente e, de ser o caso, tamén a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia. Lembrou que a Xunta, pola súa parte, estanse reforzando os controis para verificar que se cumpre a lexislación na sinatura dos contratos e para vixiar que leite está entrando doutros países europeos e como se vende despois nos lineais.
Así mesmo, Gómez puxo en valor a rolda de contactos que está a manter a Consellería con todos os axentes do sector nas últimas semanas, co fin de propiciar un entendemento entre eles en favor do equilibrio na cadea de valor do leite e da sustentabilidade deste eido produtivo clave do rural galego.
A conselleira reiterou que a Xunta está, nesta tesitura, do lado dos gandeiros, como se pon de manifesto a través de todas estas actuacións e tamén coa recente convocatoria dunha das maiores liñas de axudas para favorecer a remuda xeracional, dotada con 53 millóns de euros para a incorporación de mozos e para os plans de mellora asociados.
Dermatose nodular contaxiosa
Sobre a dermatose nodular contaxiosa, Gómez insistiu na demanda feita ao ministerio, que tamén se trasladou ao comisario de Agricultura da UE, de que se rebaixe a categoría da enfermidade para paliar as consecuencias sobre as explotacións que se poidan ver afectadas e tamén que se desenvolva unha vacina marcada que teña carácter preventivo.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta mantén polo de agora prorrogadas as medidas de prevención diante desta doenza, sempre seguindo criterios técnicos sobre a súa evolución epidemiolóxica e dándolle prioridade ao obxectivo de protexer a nosa cabana gandeira.