A Xunta crea unha tarxeta profesional identificativa con certificado electrónico para os máis de 48.000 traballadores da sanidade pública
Permitirán o acceso a sistemas informáticos e, no seu caso, a áreas restrinxidas para as que conten con autorización
Está previsto renovar as actuais identificacións a partir do último trimestre do ano, así como facilitarlles as novas tarxetas ao persoal de nova incorporación
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula a acreditación dixital do persoal que intervén nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema público de saúde
A medida enmárcase nos obxectivos de seguridade do Plan estratéxico de transformación e saúde dixital da Consellería de Sanidade 2023-2026
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula a acreditación dixital do persoal que intervén nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema público de saúde, que suma máis de 48.000 profesionais.
As tarxetas permitirán, como mínimo, identificar e acreditar á persoa titular como persoal ao servizo da sanidade pública e como empregado público. Ademais permitirá o acceso a sistemas de información e, no seu caso, a áreas restrinxidas como laboratorios ou armarios automatizados, cando así se autorice.
A tarxeta profesional cumprirá a normativa europea en materia de identificación electrónica e disporá de chip con tecnoloxía sen contacto e banda magnética, de cor azul corporativo Xunta. Incluirá no anverso fotografía da persoa titular da tarxeta, ademais de nome e apelidos, DNI e o seu código numérico profesional.
Tras a entrada en vigor da orde publicada no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Sanidade procederá á contratación do servizo de expedición das tarxetas cos requirimentos técnicos necesarios.
Deste modo, está previsto comezar unha renovación progresiva a partir do último trimestre do ano. Ademais, ao persoal de nova incorporación tamén se lles facilitará a partir dese momento estas novas tarxetas identificativas.
Deberán garantir a autenticidade, confidencialidade, seguimento e protección, entre outras características, da identificación do persoal do Servizo Galego de Saúde, da Axencia galega de doazón de órganos e tecidos, da Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde e da Fundación pública urxencias sanitarias de Galicia-061.
A medida enmárcase nos obxectivos de seguridade do Plan estratéxico de transformación e saúde dixital da Consellería de Sanidade 2023-2026 e está en liña coa Lei de administración dixital de Galicia.