Rueda destaca o novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral, con máis de 2.000 construcións e que será clave para protexer o patrimonio costeiro

Salienta que A Coruña é a provincia con máis elementos catalogados (988), seguida de Pontevedra (835) e Lugo (180)

A gran maioría están clasificados como de tipo arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico, seguidos dos industriais e artísticos

Máis da metade dos bens incluídos no inventario, entre os que hai antigas salgaduras e outros edificios de tipo industrial, faros e muíños, son susceptibles de dedicarse a novos usos sempre que o proxecto sexa compatible coa súa conservación

“Isto permitirá darlles unha segunda vida a moitos destas construcións”, salienta

Coa aprobación e entrada en vigor do catálogo dáse un salto cualitativo na xestión do patrimonio litoral xa que reforza a seguridade xurídica de posibles intervencións para rehabilitar ou poñer en valor edificacións

Salienta que o novo inventario se configura como “unha ferramenta viva” polo que poderán incorporarse no futuro outros elementos aínda non identificados

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello “aprobou hoxe o Catálogo de bens de valor cultural no litoral, que identifica máis de 2.000 construcións que será necesario protexer e conservar” ao formar parte do patrimonio costeiro da comunidade.

Dos 2.003 bens incluídos neste catálogo, “988 están na provincia da Coruña, 835 en Pontevedra e 180 en Lugo”, segundo explicou Rueda, quen salientou que a maioría son “arquitectónicos (855)”, seguidos dos bens de tipo arqueolóxico (584), os etnográficos (366), os industriais (186) e os artísticos (12).

Máis da metade do total —os 1.041 pertencentes ás categorías arquitectónica e industrial—, son susceptibles de sufrir cambios de uso para destinalos a un fin distinto daquel para o que foron orixinalmente concibidos a través de proxectos de revitalización, sempre que a intervención a executar respecte e preserve os principais valores polos que foron merecedores de catalogación.

“Isto permitirá darlle unha segunda vida”, indicou o presidente xa que esta vía abre novas posibilidades para a recuperación deste tipo de bens —entre os que hai antigas fábricas de salgadura e outros edificios de carácter industrial, faros e muíños— mediante a execución de proxectos que sexan compatibles e garantan a conservación de edificacións de especial interese arquitectónico, histórico ou cultural. Ademais, con estas iniciativas tamén se contribuirá ao desenvolvemento sostible da costa e con el, á súa revitalización.

Neste sentido, cómpre salientar que a aprobación deste catálogo suporá un salto cualitativo na xestión do patrimonio costeiro galego xa que permitirá impulsar a rehabilitación e posta en valor de bens ligados ao mar cun gran valor arquitectónico, histórico, cultural ou industrial para darlles unha segunda vida.

O obxectivo do novo catálogo, en definitiva, é dignificar este patrimonio litoral, de enorme valor e distintivo de Galicia, integrado por centos de bens representativos e que destacan polo seu interese ou relevancia. Con tal fin, identifícase en cada caso a área na que se atopan, a xustificación da súa incorporación e a concreción dos seus posibles usos, tanto os orixinais como os futuros compatibles en caso de que se interveña sobre eles, garantindo que non se poña en perigo os valores que aconsellaron a súa catalogación.

Cada un dos 2.003 elementos incluídos neste instrumento están xeorreferenciados, documentados con imaxes ou representacións gráficas que facilitan a súa identificación, análise e xestión posterior e acompañados de información detallada sobre cada ben. Todos estes datos se presentan a través das correspondentes fichas, de forma individualizada ou agrupada, segundo o caso.

Traballo exhaustivo nos 86 concellos costeiros

Como punto de partida para a elaboración do catálogo tomouse un inventario realizado polo Goberno galego no ano 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salazóns, conserveiras...) dos que se tiña unicamente información moi básica.

A partir de aí e grazas a un exhaustivo traballo de campo realizado o pasado verán nos 86 concellos costeiros de Galicia, ese inventario inicial foi ampliado e enriquecido, tanto cuantitativa como cualitativamente, dando lugar a un catálogo novo que, sempre desde a tripla perspectiva da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (ambiental, social e económica), permitirá avanzar no desenvolvemento de actuacións estratéxicas para promover a protección e posta en valor dos elementos seleccionados.

Así mesmo, a finais de outubro a Xunta someteu o novo catálogo ao trámite de información pública, no marco do cal se recibiron máis de 160 achegas e suxestións que permitiron enriquecer o documento inicial. De feito, unha vez finalizado ese período e a partir de toda a información recompilada, realizouse unha nova revisión exhaustiva do seu contido no marco da cal se incorporaron 527 bens adicionais e se eliminaron 106 debido á desaparición do ben ou do valor cultural a protexer.

De feito, Rueda salientou que este catálogo se configura como “unha ferramenta viva” e de carácter aberto polo que poderán incorporarse no futuro novos elementos susceptibles de protección patrimonial na costa aínda non identificados.

Tras a súa aprobación por parte do Consello da Xunta, o novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor a partir do día seguinte.

Efectos xurídicos da inclusión

Cómpre lembrar que a elaboración do Catálogo de bens de valor cultural no litoral enmárcase na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que define dentro das actuacións estratéxicas para o desenvolvemento sostible da costa aquelas intervencións destinadas a poñer en valor o patrimonio existente a pé de mar.

En todo caso, a prioridade é sempre e para todos os bens catalogados a protección e posta en valor destes elementos. De feito, a inclusión dunha edificación ou elemento neste catálogo ten efectos xurídicos, sendo o máis relevante que para calquera actuación ou intervención sobre os mesmos aplicarase de forma preferente a normativa de patrimonio cultural fronte á normativa de costas.

Desta forma refórzase a seguridade xurídica das intervencións dirixidas á conservación, rehabilitación ou posta en valor dos bens localizados na costa e posibilítase a súa adaptación a novos usos compatibles, sen eximir aos seus promotores, en todo caso, da obtención dos títulos habilitantes necesarios, nin das autorizacións ou concesións que correspondan segundo a normativa sectorial vixente.

En canto ás intervencións permitidas nos bens catalogados, estas deberán axustarse ao nivel de protección que corresponda en cada caso —que pode ser máis ou menos estrito conforme á normativa do patrimonio cultural de Galicia— e inclúen as ampliacións en planta, con carácter complementario a unha actuación de rehabilitación, en volumes diferenciados e sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto.

Así mesmo, non se considerará aumento de volume a reconstrución destinada a completar un estado previo dos bens que estean actualmente en ruínas utilizando partes orixinais deles cuxa autenticidade e posición orixinal se poidan acreditar.

Por outra banda, os concellos nos que se localicen bens incluídos no catálogo deberán incorporalos ao seu planeamento urbanístico e establecer as determinacións específicas que correspondan para o seu réxime de protección, conservación e uso.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2026